Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CHEGA Á VECIÑANZA DE CEDEIRA O NOVO NÚMERO DO BOLETÍN INFORMATIVO AS7PARROQUIAS

A veciñanza de Cedeira poderá consultar estes días un novo número do boletín de información municipal As7Parroquias, que nesta ocasión ofrece o adianto do programa de festas de verán -a falta dalgúns detalles que están por pechar- e como é habitual o resumo da actividade máis importante do Concello nos últimos meses.

O boletín, que chega ao seu número 21, está xa colgado na web do Concello e será repartido tamén estes días en papel pola vila de Cedeira. No mesmo, o goberno local dá conta da solicitude de fondos para levar adiante o Centro de Día, e do avanzado que está a iniciativa porque conta xa con proxecto e terreo dispoñible, así como das obras que se puxeron en marcha e se remataron nos últimos meses, entre elas as obras de renovación das marquesiñas e dos baños públicos. Infórmase tamén da incorporación ao presuposto deste ano de máis de medio millón de remanentes, procedentes do exercicio anterior, que permitirán acometer 80 actuacións máis.

Os orzamentos participativos, a solicitude de axudas de diferentes programas para maximizar a capacidade do Concello para investir e para crear empregos, a bonificación da taxa de Sogama, as xestións con Sanidade e Costas para avanzar cara á ampliación do Centro de Saúde e a reclamación, que segue a presentar o goberno local diante de diferentes responsables da Xunta, de que se cubra o patio de quinto e sexto de Primaria do colexio, son outros temas que están nas páxinas do boletín.

No boletín ponse datas e nomes ás festas deste verán, do 12 ao 17 de agosto, nas que Cedeira recobrará a intensidade dos anos anteriores á pandemia. A actuación de Tanxugueiras, o día da xira, será o prato forte para rematar o programa, que antes contará con espectáculos de rúa para nenos e nenas, concertos de grupos de diferentes estilos musicais, fogos artificiais, unha carreira popular… As7Parroquias informa doutras actividades deste verán, como o festival Discalz@s, o concerto do Jazz na Ría ou o Concurso de Pintura Rápida Vila de Cedeira, que será o último domingo de agosto.

Pódese descargar o boletín na seguinte ligazón:

Descarga PDF Boletín As7Parroquias