Cedeira convoca cursos gratuítos de pintura, manualidades e tapices
CEDEIRA CONVOCA CURSOS GRATUÍTOS DE PINTURA, MANUALIDADES E TAPICES
O Concello de Cedeira acaba de abrir o prazo de inscrición para as persoas interesadas en participar en cursos gratuítos de pintura, manualidades e tapices. As clases, que darán comezo o 14 de outubro, finalizarán o mesmo día pero do mes de decembro e serán impartidas por Andrés Urrutia, no caso do obradoiro de pintura, e Fernando Villoslada e Tapices Galicia (Fina e Xavier) nos de manualidades e tapices, respectivamente.
Os interesados xa poden formalizar as reservas de prazas. Así, para os cursos de manualidades e tapices haberá que apuntarse na oficina de turismo (Palacete Municipal, no teléfono 981 482 187 ou no e-mail: enrique.vazquez@cedeira.gal), mentres que para o de pintura hai que chamar ao teléfono 650 610 358. O prazo finaliza o día 11 de outubro.
En canto aos contidos e localización, o Palacete Municipal acollerá as clases de elaboración de tapices, que serán os luns en horario de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 19.00 horas. Pola súa banda, o de manualidades, que se impartirá os martes e venres de 19.00 a 21.00 horas, terá como referencia os baixos da praza da Rectoral e inclúe modelaxe de barro-escaiola-xeso, elaboración de moldes e restauración. O curso de pintura ocupará o terceiro piso das vivendas sindicais. As clases serán o luns e martes en horario de mañá e os mércores e xoves, no de tarde.
O goberno municipal anima a veciñanza a participar nestas iniciativas de carácter gratuíto e con moitas posibilidades tanto a nivel de formación como de entretemento.