Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CEDEIRA VÍSTESE HOXE DE ENTROIDO PARA O TRADICIONAL DESFILE, TRAS O QUE VIRÁN TRES DÍAS DE ACTIVIDADES INFANTÍS

Catro comparsas, catro grupos e unha parella inscribíronse para participar hoxe no desfile de Entroido de Cedeira, que o Concello volve a organizar este ano como era tradicional, cun percorrido polas rúas e un baile posterior, que desta volta estará amenizado pola orquestra Los Player’s. O percorrido comezará na Praza Roxa ás 17.00 horas e a comitiva irá polas rúas do centro, ata o Polideportivo Municipal, onde o xurado dará a coñecer os premios aos mellores disfraces.

As catro comparsas inscritas superan con moito o número mínimo de dez integrantes que establecen as bases e de feito algunha conta con máis de trinta persoas. Participan tamén catro grupos, categoría que abrangue os conxuntos de entre 3 e 9 persoas e que tamén no caso dos inscritos teñen máis de seis integrantes.

Repartiranse 2.170€ en premios. Na categoría de comparsas hai tres premios dotados con 600, 400 e 300€; na de grupos serán de 300, 250 e 200€. Por último, para parellas e disfraces individuais establécense outros tres premios de 50, 40 e 30€. Despois da entrega de premios, a troula trasladarase de novo á Praza Roxa, onde a orquestra Los Player’s animará o baile ao que están invitados todos os veciños e as veciñas.

O Concello prevé a continuación tres xornadas –días 19, 20 e 21- con actividades de balde para nenos e nenas. Así, o domingo e o martes pola tarde, de cinco a oito no Polideportivo Municipal, a cativada poderá gozar con diferentes atraccións inchables, animación con música e baile, obradoiros de maqueado, un photocall e outros xogos. Para o luns está previsto un concerto dirixido ao público infantil a cargo de Paco Nogueira, ás 18.00 horas na Praza Roxa.