Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO ARRANXOU O FIRME DA RÚA PAIMPONT E O CAMIÑO DE ACCESO AO NÚCLEO DAS SAÍÑAS

O Concello de Cedeira vén de realizar dous investimentos para mellorar o firme dunha rúa da zona urbana e para dotar de saneamento e cambiar o firma dun camiño da zona rural. As dúas intervencións suman máis de 45.000€.

No primeiro caso, trátase unhas obras de acondicionamento do firme da rúa Paimpont, un vial que presentaba un pavimento moi deteriorado e con fochancas. O goberno local investiu 10.387,85€ (IVE incluído) nestas obras, que afectaron ao total da superficie da vía. Así, o arranxo abrangueu uns 360 metros cadrados de rúa, na que primeiro se acondicionou o chan recheando as fochancas, para despois estender unha capa de mistura asfáltica en quente. A rúa Paimpont, que leva o nome da localidade francesa irmandada con Cedeira, é unha rúa cega que está situada preto do IES Punta Candieira e do campo de fútbol do Beco.

Por outra banda, o Concello vén de investir 34.948,79€ (IVE incluído) nunhas obras de mellora do camiño de acceso ao núcleo rural das Saíñas. Os traballos incluíron tanto a execución dun novo firme como a instalación dos sistemas de abastecemento e saneamento.