Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Cedeira celebrará o samaín os días 2 e 3 con actividades, concursos e coa primeira cita co “Escape Room”

CEDEIRA CELEBRARÁ O SAMAÍN OS DÍAS 2 E 3 CON ACTIVIDADES,CONCURSOS E COA PRIMEIRA CITA CO “ESCAPE ROOM”

O Concello de Cedeira organiza para os días 2 e 3 de novembro a festa do Samaín, unha celebración que chega este ano a súa XXIX edición e para a que o goberno local conta coa colaboración da Asociación Amigos de Samaín, da ANPA Picapeixe, da Deputación e, a título individual, con moitos veciños e veciñas da vila.

Desde o día de onte ata o próximo mércores (día 31) a convocatoria dará lugar a obradoiros abertos á participación de pais e alumnos do colexio Nicolás del Río. A elaboración de chapas, o tallado de cabazas e a confección de cadeas pantasmas son só algunha das actividades previstas.

Ao programa incorpórase este ano un “Escape room”, unha iniciativa que consiste en introducir a un grupo de persoas nunha habitación pechada da que só poderán saír resolvendo enigmas. Cada sesión ten unha duración de 45 minutos, polo que haberá que facer a reserva a través do correo amigosdesamain@gmail.com e no que debe figurar o número persoal dos solicitantes. Os equipos terán un mínimo de 3 e un máximo de 5 persoas. As prazas son limitadas e a actividade desenvolverase entre mañá martes (30 de outubro) e o sábado 3 de novembro en horario de mañá e tarde.

O venres día 2 haberá obradoiros de zonchos e pintura na carpa instalada no paseo da Mariña, a partir as 18,00 horas, e a actuación de Paco Nogueira, co espectáculo Bule, Bule, despois das 20.00 horas. A xornada do venres 3 arrincará con traballos de decoración na zona do paseo marítimo e coa apertura do prazo de inscrición para tomar parte na xincana, que estará aberto entre as 12.30 e as 13.30 horas.

A partir das cinco da tarde sucederanse as actividades. Así, celebrarase o certame de melóns tallados, a tradicional merenda de outono -requeixo con mel e bola de azucre-, a xincana infantil e o obradoiro de maquillaxe. O pasarrúas pola Vila Vella dará comezo ás 20.00 horas e o finalizar no mesmo terá lugar a entrega de premios ás mellores cabazas e aos gañadores da xincana infantil.

O programa prolongarase ata a xornada do próximo domingo (día 4), data na que auditorio municipal acollerá a representación da obra “Patapatum” pola compañía Elefante Elegante. Será ás 18.00 horas.