Cedeira asina un convenio coa Deputación para garantir dez actuacións culturais de calidade
CEDEIRA ASINA UN CONVENIO COA DEPUTACIÓN PARA GARANTIR DEZ ACTUACIÓNS CULTURAIS DE CALIDADE
O Concello de Cedeira vén de subscribir un convenio coa Deputación da Coruña polo que garante un total de dez actuacións, entre musicais e teatrais, ao longo do presente ano.
O acordo foi asinado o luns na sede provincial nun acto que contou coa presenza do deputado Xosé Regueira Varela, en representación do presidente en funcións Valentín González Formoso, e a do alcalde, Pablo Moreda Gil.
O rexedor municipal destacou a magnífica colaboración que o Concello vén mantendo coa administración provincial e valorou a axuda que a Deputación presta a municipios como o de Cedeira para contar cunha programación cultural de calidade.
Nesta ocasión, a institución provincial achegará 41.454 euros (60%) dos algo máis de 69.000 euros orzamentados na participación do Concello no programa “Alicerce” (dirixido a grupos de música, danza e teatro non profesionais), no ciclo “Escena ao Vivo” (espectáculos de intérpretes profesionais de música) e no programa de espectáculos profesionais de teatro e monicreques. A administración local contribuirá ao fomento da cultura con máis de 27.600 euros (40%).
Entre outras actuacións están previstas a da compañía ortegana Ultreia, o grupo de rock galego Heredeiros da Crus, o tenor Borja Quiza, a formación Brassica Rapa, Fantoches Baj, o dúo Ella e Dylan, e as compañías Culturactiva, Rilo &Penadique, Rojo Telón e Larraitz Urruzola.