Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Moreda Gil: “As liñas de goberno serán claramente políticas progresistas e, por suposto, tamén galeguistas”

MOREDA GIL: “AS LIÑAS DE GOBERNO SERÁN CLARAMENTE POLÍTICAS PROGRESISTAS E, POR SUPOSTO, TAMÉN GALEGUISTAS”

Arroupado por familiares, amigos e moitos veciños e veciñas, Pablo Moreda Gil, volvía renovar o “contrato social” que xa tiña co pobo de Cedeira desde o 2015 pero, a partir de agora, ao fronte dunha corporación na que PSOE, con 7 concelleiros, gobernará durante os próximos catro anos con maioría absoluta e da que tamén formarán parte o PP e o BNG, o primeiro con 4 representantes e o segundo con 2.

O pleno, que apenas durou unha hora, deu lugar á toma de posesión dos concelleiros, á preceptiva intervención do alcalde e finalizou co tradicional intercambio de felicitacións e as espontáneas sesións fotográficas.

Moreda Gil arrincou o seu discurso con palabras de recordo e agradecemento á familia “por ensinarme os valores que hai na vida”; a súa muller e fillos, “que son o soporte vital da miña vida”; á agrupación local do PSOE, “polo traballo feito durante estes catro anos”; e aos compañeiros de goberno no anterior mandato, “porque formamos un goberno galeguista de progreso que conqueriu unha unión colectiva na veciñanza nunca vista”, para despois avanzar que entre as prioridades do novo equipo de traballo estarán a transparencia, a participación cidadá e a xestión de calidade.

Para elo, segundo recoñeceu na súa intervención, Moreda rodeouse de xente “cunha ilusión desbordante” e con cualidades como a preparación, experiencia e honradez que, segundo sinalou, son as que está a demandar a cidadanía nas persoas que teñen a responsabilidade de xestionar o erario público. Manuel Pérez Riola, Malena Pérez Villar, Jesús Romero Carracelas, Carmela Prieto Cal, Ermitas García Ríos e Manuel Martínez López son os nomes dos veciños e veciñas de Cedeira nos que confiou o xa alcalde de Cedeira para iniciar “esta nova viaxe de servizo público que ten a posibilidade de transformar a realidade tomando decisión en beneficio dun destino colectivo”.

Tamén será obxectivo do novo goberno, tal e como apuntou o rexedor no seu discurso, satisfacer as enormes expectativas, así como lograr o respecto a complicidade e “a incorporación a este proxecto de todos aqueles que non nos deron a seu voto nas urnas o pasado 26M”. Segundo puntualizou, “a democracia en Cedeira non será unha democracia diminuída. Non será un goberno duns poucos, pensado por uns poucos e para uns poucos, senón un goberno do pobo, polo pobo e para o pobo”.

A información clara e accesible, a proximidade e axilidade na xestión, a participación na toma de decisións e a avaliación dos resultados son as premisas que, segundo apuntou o alcalde, demanda a veciñanza e nas que tamén se basea “un Concello que debe estar sempre en modo de escoita activa”, polo que pediu aos membros do seu novo equipo que trasladen os seus despachos á rúa.

“A política é unha arte nobre que consiste en resolver os problemas dos cidadáns. É por iso que o noso goberno traballará arreo para loitar contra as desigualdades sociais que nós temos o deber de minimizar”, afirmou o rexedor cedeirense. Por esta mesma razón, as liñas de goberno serán “claramente políticas progresistas e tamén galeguistas, onde os servizos sociais, o emprego, o medio ambiente, a sanidade, a cultura, o patrimonio, o medio ambiente, o deporte e a preservación da nosa identidade serán eidos fundamentais para os meus compañeiros e para min durante os vindeiros catro anos”, asegurou o alcalde.

Para rematar, Moreda Gil tamén quixo deixar entre os asistentes algúns desexos como o de “sentir Cedeira como se fose unha familia”, que sexa solidaria, plural, diversa, respectuosa coas diferenzas e orgullosa da súa riqueza; e tamén dúas invitacións ao conxunto da veciñanza: a de“facer realidade estes sonos” e a de visitar o Concello “porque as portas desta casa, que é a vosa, estarán sempre abertas para vós”.