Cedeira apoia as medidas adoptadas pola Mancomunidade para protexer ás personas e actividades económicas máis prexudicadas pola crise
O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, participou onte na reunión da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol na que foi adoptada a decisión de protexer ás persoas e actividades económicas máis prexudicadas pola declaración do Estado de Alarma.
Este compromiso levará aos nove concellos da Mancomunidade a coordinar a adopción de medidas fiscais en relación co cobro de taxas e impostos municipais para que non existan disparidades entre os municipios e para que os seus beneficiarios sintan o apoio da Administración.
A xuntanza, que estivo presidida polo alcalde de Ferrol, Ángel Mato, e na que estiveron presentes a través de videoconferencia a totalidade dos rexedores municipais, serviu así mesmo para compartir información sobre a loxística despregada en cada concello en relación co acceso e distribución de material de protección fronte ao coronavirus e atención sociosanitaria, entre outros.
Os responsables municipais destacaron o importante labor que están a levar a cabo as persoas implicadas nestas tarefas e acordaron brindarse colaboración mutua, a través dos seus respectivos servizos de Protección Civil, para actuar de maneira conxunta no caso de que sexa detectada algunha necesidade.
Alén de dificultades técnicas iniciais, o encontro desenvolveuse correctamente a través de videoconferencia, polo que os asistentes acordaron fixar unha nova reunión por este mesmo sistema para o vindeiro mércores, día 8 de abril, ás 12.00 horas, e manter a coordinación por outras vías ata esa data.