Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Cedeira acolle este mes o ciclo de teatro afeccionado, que arrinca o próximo sábado

CEDEIRA ACOLLE ESTE MES O CICLO DE TEATRO AFECCIONADO, QUE ARRINCA O PRÓXIMO SÁBADO

O Concello de Cedeira manifesta a súa vinculación co mundo da escena colaborando na organización do Ciclo de Teatro Afeccionado que do día 6 ao 27 deste mes terá lugar no auditorio da localidade. O grupo Teatro da Vila está ao fronte da convocatoria.

A programación arrincará este sábado coa actuación do grupo da Sociedade Cultural e Recreativa A Pombiña (Narón). Porá en escena, a partir das 20.00 horas, a obra “Reinserción”. O prezo da entrada é de dous euros por persoa.

A seguinte cita será o día 12, xornada na que o grupo convocante, Teatro da Vila, representará, ás 20.00 horas, a obra “As cores do Tempo”. Neste caso, o acceso é de balde.

O grupo Teatro Semente (Neda) participará o día 20 no ciclo de teatro afeccionado coa obra “HTC (Hoxe toca rir), unha función que dará comezo ás 20.00 horas e terá un custo de 2 euros.

Coa representación da obra “Terapia de bar”, que correrá a cargo do grupo O Aturuxo de Melpómene (Narón), concluirá este encontro co mundo da escena. Será o último sábado de outubro, día 27, ás 20.00 horas. A entrada terá un custo de dous euros por persoa.