Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

As granxas da Capelada empezan a ver a luz tras dous anos de bloqueo

AS GRANXAS DA CAPELADA EMPEZAN A VER A LUZ TRAS DOUS ANOS DE BLOQUEO

Si as probas de saneamento que comezarán o vindeiro martes son favorables, podería levantarse a inmovilización nas ao redor de 130 explotacións afectadas

As explotacións gandeiras da Capelada empezan a ver a luz despois de dous anos de bloqueo, a raíz do brote de tuberculose detectado no lugar de Ouzal (Cedeira). A inmovilización, total ou parcial, afectou a ao redor de 130 explotacións, con restricións á entrada e saída de reses, ademais das perdas ocasionadas polos exemplares sacrificados. Na reunión mantida con responsables da Consellería de Medio Rural, a petición do Concello de Cedeira, os granxeiros expuxeron o seu malestar por esta situación.

«Según nos dixeron, a partir do día 2 de outubro van facer un novo saneamento, con probas de pel, e se dan ben, deixaremos de estar inmobilizados ou parcialmente inmobilizados», sinala Carlos Muíño, que leva meses denunciando «a diferenza de criterio que se aplicou a uns e a outros». Os propietarios de gando sempre defenderon as probas cutáneas (tuberculina), fronte ás de gamma interferón (de sangue), polo alto índice de falsos positivos que se atribúen a estas últimas. De feito, segundo indican asistentes á última reunión, no caso da Capelada rexistráronse 56, «todos, agás o primeiro, que foi polo que empezou todo». Todas esas cabezas de gando foron sacrificadas.

«Hai algunha explotación que non tivo nin un problema en 20 anos, incluso con controis sanitarios internos, máis exhaustivos que os da Xunta, e aínda así leva dous anos bloqueada. Iso non ten xustificación», opina Ismael Durán, un dos damnificados. «Coa proba da pel estamos de acordo porque cando dá positivo é positivo, non dá erros coma outra», agrega. E lamenta todo o sucedido desde 2016; «Polas consecuencias económicas e tamén porque nin en Galicia nin fóra se dera nunca un caso así, a consellería fálanos de foco, pero é inexistente, non está xustificada a alarma sanitaria que se creou». Tamén alerta «da mala imaxe que se crea da zona».

Impacto económico

Muíño confía en que «agora se resolva» e insiste en criticar a xestión realizada ata o momento. «Hai que facer as cousas ben desde o principio, non pode ser que entre os socios dunha SAT [sociedade agraria de transformación] ou dunha cooperativa haxa un trato diferente. Levan dous anos cos falsos negativos, se dá mal, hai que sacrificala, aínda que despois no matadoiro só deu mal a primeira, o resto non. Con isto tes que vender os becerros a cebadeiros autorizados, necesitas autorización para todo, non podes comprar nin vender vacas de vida, e polas que che sacrifican danche pouco máis de mil euros, cando unha vaca de produción che custa máis de dous mil», debulla. Para o alcalde cedeirense, Pablo Moreda, que asistiu ao encontro con Medio Rural, «polo menos serviu para aclarar algunhas cousas e marcar unha folla de ruta, para ver se a partir das novas probas se poden ir desinmobilizando as explotacións».

Fonte: La Voz de Galicia

Pode consultar a nova na seguinte ligazón:

IR Á LIGAZÓN As granxas da Capelada empezan a ver a luz tras dous anos de bloqueo