Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

SERVIZOS

O Concello impulsa unha campaña para sensibilizar sobre o correcto uso da rede de sumidoiros

O Concello de Cedeira inicia unha campaña de información pública para sensibilizar á veciñanza sobre a importancia que ten para a calidade ambiental da ría o uso responsable da rede de sumidoiros. “A ría de Cedeira comeza nos sumidoiros” é o lema dunha iniciativa coa que se queren evitar xestos tan nocivos como verter a auga dos fregados, tirar cabichas e lixo no chan ou directamente no sumidoiro.

Neste sentido, desde o equipo de goberno recórdase que existe unha rede urbana para a recollida das augas pluviais que remata na desembocadura do río Condomiñas e mesmo na ría, o que fala “da importancia de adoptar condutas respectuosas con noso entorno”. Tamén se insiste no feito de apostar por verter cada residuo no colector axeitado, usar as papeleiras e baleirar a auga socia no inodoro para garantir un correcto tratamento e eliminación de cada refugallo.

A campaña deu comezo con charlas informativas no CEIP Nicolás del Río, entre escolares de 4º, 5º e 6º curso de Primaria. Baixo o título “Onde vai a auga que usamos?” os rapaces e rapazas descubriron como afecta o seu comportamento na casa o no funcionamento da rede de saneamento.

A iniciativa dará lugar así mesmo á sinalización dos sumidoiros para lembrar aos transeúntes que nese punto comeza o mar. Así, cun pequeno xesto de colaboración cidadá contribuirase a manter limpa a nosa ría, aseguran desde o goberno local.

A Deputación, diposta a un convenio a tres bandas coa Xunta e o Concello para dotar a Cedeira dun Centro de Día

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, reuniuse onte no seu despacho da institución provincial co alcalde de Cedeira, Pablo Moreda, que lle presentou o anteproxecto do goberno municipal para construír un Centro de Día na localidade.

Moreda explicou que o Concello xa ten a dispor os terreos, nun lugar céntrico e ben comunicado nas inmediacións do centro xuvenil, nos que se podería ubicar un inmoble que prestara servizo como centro de día a entre 25 e 30 persoas maiores do municipio.

O alcalde destacou que se trata “dunha infraestrutura moi necesaria no municipio, como amosan as 3.000 sinaturas recollidas entre a veciñanza de Cedeira para reclamar a súa construción”, e mostrou a súa disposición a que o centro poidera dar servizo incluso a nivel comarcal.

Pablo Moreda explicou que a conselleira de Política Social, Fabiola García, nunha recente visita ao municipio, comprometeuse a apoiar economicamente a construción do Centro de Día se a iniciativa contaba tamén co apoio da Deputación.

“A Deputación está disposta a asumir un convenio a tres bandas coa Xunta de Galicia e o Concello para dotar a Cedeira dun Centro de Día”, confirmou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, que destacou que aínda que se trata dunha competencias da Xunta de Galicia, “a Deputación está disposta a aportar o seu grao de area”, asumindo parte do investimento dunha infratestrutura amplamente demandada no municipio e na comarca.

Novas melloras nas estradas a San Andrés de Teixido

O alcalde de Cedeira solicitou tamén a colaboración da Deputación para a construción dunha variante na estrada provincial DP 2205, entre Os Outeiros e A Rúa, que permita eliminar a curva perigosa existente no trazado que impide que dous vehículos podan cruzarse neste punto con seguridade.

O presidente da Deputación comprometeuse a encargar ao servizo provincial de Vías e Obras un proxecto que avalíe a viabilidade técnica e económica de asumir esta obra para eliminar este punto negro de seguridade, que complementando así a importante actuación que se está a executar actualmente na DP 2204 en Pontigas, onde o organismo provincial inviste máis de 600.000 euros na construción doutra variante de 1,2 quilómetros que mellora a seguridade da zona evitando o tráfico no núcleo de Pontigas, unha zona de curvas que discorre moi próxima ás vivendas.

A nova variante da DP 2205 contribuiría a seguir mellorando a seguridade nos accesos a San Andrés de Teixido e aos cantís da zona, un importante recurso turístico que rexistra un crecente volumen de visitantes nos últimos anos

Aviso de corte programado de suministro eléctrico

A empresa Unión Fenosa (ufd grupo Naturgy) vén de remitir unha comunicación ao Concello, informando da necesidade de efectuar traballos de mantemento e desenvolvemento da rede eléctrica, o que poderá provocar cortes no suministro eléctrico o día 30 de xaneiro de 2020, de 8.00 a 12.00 horas. A continuación, pode ver o texto da comunicación recibida:

“Co fin de efectuar os traballos de mantemento e desenvolvemento da rede eléctrica precisos para poder atender nas mellores condicións as necesidades de subministración da zona, informámoslles que o próximo día 30 de xaneiro de 2020, de 8.00 a 12.00 horas., imos proceder a deixar fóra de servizo unha serie de instalacións, o cal pode provocar interrupcións na subministración de electricidade durante ese intervalo de tempo.”

As instalacións eléctricas sometidas a descargo afectan ás seguintes rúas ou lugares:

  • AGROCHAO (PIÑEIRO).
  • ATRIO. BARRAL -REGOA (BARRAL).
  • BEREIXO.
  • BOUZA.
  • CANABAL.
  • CASANOVA -PIÑEIRO (CASANOVA).
  • CASANOVA -REGOA (CASANOVA).
  • CEDEIRA (CASA GRANDE, SILVA).
  • DIAMANTEL.
  • EIRAVEDRA.
  • ERBELLAS -MONTOXO (ERBELLAS).
  • ERBELLAS – REGOA (ERBELLAS).
  • FORMIGUEIRO.
  • MOSENDE.
  • NOGUEIRA.
  • PAINCEIRA.
  • PARDIÑEIRA.
  • PENEIRO -PIÑEIRO ( PENEIRO (SAN COSME PIÑEIRO)).
  • PONTIGAS.
  • REGO.
  • RUA.
  • TIDE.
  • VENTOSA.
    VERIÑO DE ABAIXO.