Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

SERVIZOS

O CONCELLO CONTRATA OBRAS DE MELLORA DOS ACCESOS AOS NÚCLEOS RURAIS DE SEDEÁS, REBOREDO E A PEROXA

O Concello de Cedeira acaba de contratar á empresa Villasuso Ortegal a realización dunhas obras de mellora dos accesos aos núcleos rurais de Sedeás, Reboredo e A Peroxa. A actuación adxudicouse por un importe total de 31.072,80€ (IVE incluído) e incluirá a limpeza de cunetas, pavimentación e outros traballos dirixidos a aumentar a seguridade vial nestas zonas.

Así, os traballos terán en común nos tres núcleos de Sedeás, Reboredo e A Peroxa a limpeza de cunetas mediante o desbroce da vexetación con medios mecánicos, mentres que, a maiores, os núcleos de Sedeás e Reboredo precisan a construción de gabias para o correcto drenaxe das augas pluviais. Xunto con estas tarefas, o contrato abrangue a colocación dunha baranda de aceiro galvanizado no núcleo de Reboredo, cuxa finalidade será separar o tráfico rodado e o dos peóns proporcionando maior seguridade.

Ao fío desta actuación, desde o goberno local redórdase que tamén este mes se adxudicaron as obras de mellora de tres camiños municipais no Barral (Esteiro), Casal de María (San Román) e Ferreira (Montoxo), por un importe de 51.042,63€ (IVE incluído).

O CONCELLO RECORDA QUE ESTE XOVES REMATA O PRAZO PARA SOLICITAR AS AXUDAS PARA MATERIAL INFORMÁTICO

Este xoves, día 23, remata o prazo de solicitude das axudas convocadas polo Concello de Cedeira para dotar de equipamento informático aos nenos e nenas das familias con menos recursos da vila e facilitarlles o desenvolvemento do curso escolar. Tal como se informou recentemente, a convocatoria está dotada con 18.000 euros que a administración municipal empregará na compra dos ordenadores, que despois repartirá directamente ás persoas beneficiarias. A finalidade desta iniciativa é contribuír a reequilibrar as desigualdades sociais que a pandemia puxo de manifesto no eido educativo e facilitar que todo o alumnado teña as mesmas oportunidades.

Segundo establecen as bases, as persoas beneficiarias destas axudas deberán estar cursando estudos no CEIP de Infantil e Primaria de Cedeira ou ben estudos de ESO, Bacharelato, Formación Profesional ou Universidade. Polo menos un dos pais ou titores legais terán que estar empadroados no municipio, ao igual que o alumno ou alumna. No caso de estudantes maiores de idade será suficiente con que estea empadroado/a en Cedeira quen solicita a axuda.

Nas bases establécense os criterios que garanten que o equipamento informático chegará prioritariamente ás alumnas e alumnos de familias ou unidades de convivencia cuxa renda per cápita sexa menor, quedando excluídas aquelas nas que supere o 2,5 do IPREM.

Neste enlace pódense consultar as bases e a documentación a presentar: https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2021/08/31/2021_0000006497.pdf

A XUNTA DE GOBERNO DÁ LUZ VERDE Á LICITACIÓN DA REFORMA INTEGRAL DA PRAZA 18 DE DECEMBRO

A Xunta de Goberno do Concello de Cedeira acaba de aprobar o prego de licitación do proxecto de reforma integral da Praza 18 de Decembro, unha actuación que conta cun presuposto de 285.856,15€ (IVE incluído) e que se acomete con cargo ao POS+2020. Segundo informou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, é un espazo moi frecuentado pola veciñanza, especialmente por persoas maiores, e que está moi exposto ao vento e a choiva. “A intervención vai servir para reordenar o espazo e dotalo dunha pérgola parcialmente pechada que dará abrigo e teito, facendo o lugar máis confortable e resgardado para pasar alí un rato de lecer”, explicou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil.

O proxecto técnico xa fora inicialmente aprobado polo pleno municipal a finais de 2019, pero tras a supervisión técnica da Deputación Provincial foi preciso solventar algúns detalles. Agora a actuación vai saír a licitación a través da Plataforma de Contratación do Sector Público polo procedemento aberto simplificado.

A Praza 18 de Decembro –antes coñecida como dos cabalos e que desde 2019 leva este nome en recordo dos fusilados nesa data de 1936- é unha illa peonil de máis de 585 metros cadrados situada na confluencia da rúa José Pascual López Cortón, o Camiño Real e a Avenida Castelao. Pola súa situación, é un espazo moi sometido aos ventos, predominantes do sur, sureste e suroeste, que coa construción dunha pérgola vai gañar en habitabitabilidade ao longo de todo o ano.

Así, a pérgola terá cuberta e paredes de vidrio, cunha estrutura con bases metálicas e elementos de madeira. Estará parcialmente pechada pola parte que máis vento recibe, e dentro da pérgola instalaranse bancos e papeleiras, así como unha serie de luminarias.

Na reorganización deste espazo público, están previstas sete prazas de estacionamento -dúas no lado Sur e cinco no Este-. Manteranse as árbores xa existentes, cos seus correspondentes parterres, e disporanse arbustos de medio porte na zona Norte, para separar a praza do vial con maior intensidade do tráfico rodado.