Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

SERVIZOS

O CONCELLO DE CEDEIRA LICITA O ALUGUER DUNHA FURGONETA ELÉCTRICA PARA A POLICÍA LOCAL

O Concello de Cedeira acaba de abrir un proceso de licitación para o aluguer dun vehículo eléctrico para a Policía Local. Concretamente, o concurso está orientado a dotar aos axentes, pola fórmula do “renting”, dunha furgoneta compacta que lles prestará servizo durante 48 meses, sen opción a compra ao finalizar dito período. O prego de condicións establece un prezo máximo de 1.185,80€ ao mes (IVE incluído), o que fai un total de 56.918,40€ para os catro anos.

A nova furgoneta da Policía Local deberá contar coa etiqueta ECO e unha potencia, como mínimo, de 136cv. Unha vez cargadas as baterías, a autonomía será ao menos de 200 quilómetros. A empresa arrendataria terá que equipala con saída para megafonía, unha ponte de luces azuis, serea, radioteléfono e outros equipamentos precisos para o desenvolvemento do traballo da Policía Local.

O “renting” incluirá no prezo os impostos de circulación, matriculación e IVE, así como todos os gastos de mantemento do vehículo, incluído o cambio de neumáticos. A furgoneta terá tamén, polo prezo ofertado, seguro a todo risco sen franquía e vehículo de sustitución en caso de precisalo.

O goberno local subliñou que a fórmula do aluguer, na que van incluídos todos os gastos salvo o combustible, permite ao Concello renovar periodicamente o contrato e garantir a dispoñibilidade permanente e en boas condicións do vehículo, para que preste o mellor servizo.

O CONCELLO DÓTASE DUN TERCEIRO TRACTOR CON BRAZO DESBROZADOR PARA MANTER LIMPOS OS CAMIÑOS

O Concello adxudicou á empresa Fariña Maquinaria a subministración dun tractor con brazo desbrozador lateral por un presuposto de 98.000€ (IVE incluído). Con esta compra refórzase o equipamento das brigadas municipais, que tiñan ata o momento dous vehículos para retirar a vexetación e maleza dos máis de 250 quilómetros de rúas, viais e camiños de titularidade municipal que ten Cedeira.

A dotación deste terceiro tractor dará maior autonomía ao persoal municipal para realizar estes traballos, que no verán pasado requiriron da contratación de empresas alleas, cando a vexetación, polas condicións climatolóxicas, creceu moi rapidamente. Tal e como se estableceu no prego de condicións publicado polo Concello, o novo vehículo ten un motor de 110 cabalos de potencia e dobre sistema de tracción, así como unha capacidade de elevación de 4.300 quilos e cabina con todos os sistemas de seguridade. O brazo elevador lateral ten un alcance horizontal de 5m. e vertical de 6,30m.

Desde o goberno municipal subliñouse a importancia de manter limpos os camiños, tanto para a seguridade do tráfico como para a prevención dos incendios, e incidiron en que co equipamento actual o Concello poderá reaccionar máis axeitadamente nas épocas nas que medra máis a maleza.

ADXUDICADA A REORDENACIÓN DA PRAZA 18 DE DECEMBRO POR UN PRESUPOSTO DE MÁIS DE 270.000€

O Concello de Cedeira adxudicou por 272.022,71€ (IVE incluído) a obra de reorganización da Praza 18 de Decembro, coa que se dotará este espazo público dunha pérgola diáfana e parcialmente pechada, con bancos nos que poderá sentar a veciñanza ao abrigo dos ventos predominantes na zona. Tal como recordou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, “é un lugar moi frecuentado por persoas maiores, que sentan alí para conversar e pasar un tempo de lecer, e as obras van servir para humanizalo e facelo máis habitable durante os meses de inverno, gañando espazo para as persoas”.

A Praza 18 de Decembro, anteriormente denominada Praza de Galicia, está situada na confluencia da rúa José Pascual López Cortón, o Camiño Real da Madalena e a Avenida Castelao (estrada AC-566). A unión temporal de empresas formada por Meraki CR e Carpintería Metálica Ferreiro resultou adxudicataria da actuación, que ten un prazo de execución de seis meses e que conta con financiamento do programa provincial POS+2020.

Os traballos consistirán na reordenación destes espazo público, dotándolo dunha zona de estar, que estará protexida pola devandita pérgola e na que se instalarán bancos. Haberá tamén zonas axardinadas. Manteranse os catro magnolios que hai nas catro esquinas da praza e plantaranse outras árbores e arbustos de medio porte, especialmente concentrados na zona norte para mellorar o aillamento do espazo para o esparcemento. O proxecto comprende tamén a creación duns paseos e percorridos peonís que comunicarán coas vías perimetrais, reducindo a superficie destinada a aparcadoiro.

O proxecto aprobárase inicialmente polo pleno da corporación de Cedeira a finais de 2019, porén foi necesario facer unhas modificacións tras a supervisión técnica da Deputación. Tamén foi a finais do mesmo ano cando o Concello acordou por unanimidade cambiar o nome deste espazo público, antes chamado Praza de Galicia e tamén “dos cabalos”, para poñerlle 18 de Decembro en memoria do asasinato no castelo de San Felipe, en 1936, de 13 cedeireses entre os que estaba o alcalde e varios membros da corporación.