Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

PARTICIPACION

O Concello agradece o pulo de entidades e veciñanza para o éxito do deporte local

O CONCELLO AGRADECE O PULO DE ENTIDADES E VECIÑANZA PARA O ÉXITO DO DEPORTE LOCAL

O goberno de Cedeira agradece ás entidades deportivas e aos veciños en xeral a súa contribución para os éxitos que o deporte local está a conseguir, tal e como así quedou demostrado nos últimos días coa celebración dun torneo de fútbol praia e da III Bandeira Concello de Cedeira de Traiñeiras. Nesta última, o Club de Remo Cabo da Cruz quedou gañador e os remeiros cedeirenses foron segundos empuxados polo numeroso público que desde as primeiras horas do pasado domingo seguiu a competición desde a zona portuaria.

Tamén foron milleiros de persoas, segundo dixeron os convocantes do torneo de fútbol praia -Manuel Martínez e Alfonso Picos- as que presenciaron os partidos que ao longo da semana pasada reuniron a un total de 31 equipos das categorías Sub-15, Sub-12 e Sub- 9 e outros 26 de xogadores séniors no areal urbano da Madalena. Só en participantes, aproximáronse aos cincocentos.

Os equipos gañadores foron “Todo corazón”, na categoría Sub-15; “Aldebarán”, Sub-12, e “Neones”, Sub-9. Os xogadores da formación local Jos-Car proclamáronse campións da categoría sénior.

O executivo local considera que tanto a resposta da xente á hora de presenciar competicións deportivas como os recoñecementos que o deporte local está a reunir en distintas disciplinas e niveis confirman o seu bo estado de saúde. Neste sentido, o alcalde, Pablo Moreda Gil, que reiterou o compromiso do seu equipo en apoiar calquera modalidade deportiva, apuntou que “o deporte cedeirense é un deporte vivo”.

“AS7PARROQUIAS” Informa no seu último número das contas municipais e os baixos índices de delincuencia

“AS7PARROQUIAS” INFORMA NO SEU ÚLTIMO NÚMERO DAS CONTAS MUNICIPAIS E OS BAIXOS ÍNDICES DE DELINCUENCIA

Un novo número do boletín “As7parroquias”, editado polo Concello de Cedeira para ter informada á veciñanza, xa está na rúa. Trátase nesta ocasión dunha publicación chea de boas noticias, como son as que se refiren á economía municipal, ao éxito do segundo festival de música galego-portuguesa e á recuperación da afectividade que sempre existiu entre a vila de Cedeira e Cuba, grazas á viaxe que un grupo de veciños fixo a primeiros de ano á illa caribeña.

Este boletín tamén recolle a iniciativa do equipo de goberno de transformar o castelo da Concepción nun centro de intepretación do achado na excavación arqueolóxica do Sarridal, da posta en funcionamento do Servizo de Normalización Lingüística e os baixos índices de delincuencia que sairon á luz con motivo da celebración da Xunta Local de Seguridade, unha xuntanza que non tiña lugar desde o ano 2007.

A recuperación da festa da rapa das bestas, as obrigas que se derivan da nova Lei de montes e a política do goberno municipal ao respecto da praia da Madalena son outras das noticias que tamén figuran nunha publicación que se reparte de maneira gratuíta entre toda a veciñanza.

VER TODOS OS BOLETÍNS “As 7 parroquias”

O Concello organiza a segunda mesa pola igualdade

O CONCELLO ORGANIZA A SEGUNDA MESA POLA IGUALDADE

O goberno municipal de Cedeira promove a celebración dunha mesa pola igualdade que terá lugar o día 7 de xuño. Con ela quérese dar continuidade á celebrada en marzo e que tivo éxito de asistencia e participación.
Neste caso, como no anterior, trátase dunha actividade aberta e participativa, na que se abordarán os problemas que afectan ás mulleres e na que se prevé trazar as primeiras liñas de actuacións para reducir as diferencias que aínda hoxe se están a dar entre homes e mulleres, segundo se fai constar desde o Concello. Representantes municipais explican que a realización deste acto tamén responde ao interese do colectivo feminino pola realización deste tipo de iniciativas e por darlle visibilidade á actual situación de desigualdade.Tamén apuntan que a temática xirará arredor
do 28 de xuño, día do orgullo gai.

A Sala Áncora acollerá a celebración dunha cita que arrincará pasadas as oito da tarde.