Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

PARTICIPACION

Os empresarios dos dous lados da ponte de Cedeira únense para a campaña de Nadal

É a primeira vez que o empresariado da zona vella e da parte nova de Cedeira únense para organizar a campaña de Nadal. Nos últimos anos, era o colectivo da parte antiga o que promovía descontos e coordinaba a decoración, pero esta vez xuntáronse 175 negocios. «Son todos establecementos autónomos, comercios e tendas de todo tipo [roupa, calzado, decoración, alimentación, etcétera], bares, xestorías, barberías, ópticas…», explica Lorena Prieto, propietaria do comercio de moda infantil Caprichoss.

Poucos negocios quixeron quedar á marxe desta iniciativa. «Se na zona vella poñen arbolitos nas tendas, por que non nós?», pensaron. Así decidiron sumar esforzos e coordinarse entre todos, con axuda dun grupo de WhatsApp, que foi engordando aos poucos. Xuntos acordaron compartir a decoración do Nadal, con luces de cor branca en todos os locais que se sumaron e un arbolito á porta, ademais dun cartel identificativo, verde e vermello, como as rifas.

Incentivar as compras

En cada zona hai un coordinador. Da zona vella segue ocupándose Francisco Zaera. «Se queremos que a xente quede e colabore hai que ofrecerlle algo, un aliciente», sostén o responsable da reloxería e xoiería Farruco. E que mellor incentivo que un premio en metálico. O comercio, a hostalería e o resto de participantes na campaña sortearán vales de compra por valor de dous mil euros entre os seus clientes. «Comezaremos a repartilos o 5 de decembro, ata o 5 de xaneiro, e os gañadores poderán gastalos en xaneiro e febreiro», indica Prieto. Cada empresa achegou 20 euros para financiar esta iniciativa (os premios, a impresión das rifas ou a publicidade). A maiores dos carteis que se coloquen en cada tenda, instalarán catro paneis máis grandes cos nomes de todos os establecementos, na librería A Paz, o colexio, o pavillón e o centro de saúde.

María Villar, de Acento Galego, deseña as rifas, que imprimirá o colectivo Apader no seu taller. Prieto aclara que as árbores tiveron que compralos a través de Internet, «porque non houbo maneira de conseguilos en Cedeira». Agradece o apoio de todos e destaca a estreita colaboración das responsables de Mobles Villadóniga, Espidos, Milar, Ópticas Noroeste, Óptica Candieira e Cedeira Sport. As luces activaranse o 5 de decembro, en vésperas do ponte da constitución. O alcalde, Pablo Moreda, confirma que este ano tamén se adiantará a ese día o aceso da iluminación do Nadal, xa instalada.

O 5 de decembro acenderase a iluminación das festas e o que decora as tendas.

 

Fonte: La Voz de Galicia

Pode consultar a nova na seguinte ligazón:

IR Á LIGAZÓN Os empresarios dos dous lados da ponte de Cedeira únense para a campaña de Nadal

Aberto o prazo de alegacións ao regulamento do centro de ocio

Logo da aprobación inicial do regulamento municipal do centro de ocio xuvenil, o Concello convida aos veciños e veciñas, así como ás entidades interesadas, a participar na aprobación definitiva do texto coas súas achegas que deberán realizar nos próximos trinta días facendoas chegar polas canles sinaladas no texto anexo.

Os interesados poden coñecer o documento aprobado inicialmente na seguinte ligazón:

VER PDF Anuncio aprobación inicial do regulamento do centro de ocio xuvenil de Cedeira

Cedeira somete a votación o regulamento de uso do centro de ocio xuvenil e o remanente de tesourería

O goberno municipal de Cedeira someterá o próximo luns á consideración do pleno o Regulamento do Centro de Ocio Xuvenil e o remanente de tesourería, que dará lugar a un investimento superior aos 250.000 euros en máis de vinte novas actuacións. Melloras no vestiario da Policía Local, a reconstrución do Castelo da Concepción en 3D e a compra de ferramenta para a área de Medio Ambiente son algunhas delas. A sesión plenaria ten carácter extraordinario.

En canto ás normas de acceso e uso das instalacións xuvenís, nelas recórdase o carácter público e plural do servizo, que está dirixido a persoas de entre 12 e 18 anos e equipado para atender as necesidades de ocio da mocidade local.

Xogos de mesa, libros, computadoras, fútbol de mesa, televisión e consolas, entre outros recursos, están a disposición duns usuarios que estarán identificados a través da denominada Tarxeta Única e que tamén poderán ser sancionados no caso de non respectaren a prohibición de fumar, de beberen bebidas alcohólicas e de consumiren substancias tóxicas no local ou por protagonizaren pelexas ou faltas de respecto entre usuarios ou cos encargados do centro.

No regulamento tamén se recollen os diferentes horarios das instalacións, que están situadas na antiga estación de autobuses e foron acondicionadas polo goberno municipal para “atender de forma expresa a mocidade local”.

Haberá un horario durante o curso escolar, que será venres de 17.00 a 22.00 horas, os sábados de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 22.00 horas e os domingos de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.30 horas.

En período vacacional, o centro de ocio xuvenil estará operativo en horario continuado de luns a venres de 11.00 a 14.00 horas. Unha vez o regulamento resulte aprobado polo pleno será sometido a exposición pública, durante un prazo de trinta días, para que as persoas que así o consideren poidan presentar as alegacións que estimen oportunas. Tamén se poderá consultar na páxina web do Concello (www. cedeira.gal).

No seu momento, o goberno municipal estimou que foran máis de 700 os mozos e mozas os que nos meses de verán atoparon nestas antigas instalacións da estación de autobuses o seu lugar de ocio e reunión.