Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

PARTICIPACION

O CONCELLO EMPRENDE A PRIMEIRA EXPERIENCIA DE ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS CO IES PUNTA CANDIEIRA

O Concello de Cedeira vai lanzar este mes de novembro o seu primeiro proxecto de orzamentos participativos co alumnado de cuarto de ESO do IES Punta Candieira. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, recordou que a iniciativa responde “ao compromiso do goberno local de abrir as portas da administración municipal a este tipo de procesos, nos que a cidadanía ten un papel activo e directo na decisión sobre en que se gastan os recursos públicos” e destacou que esta experiencia piloto “vai ser vinculante, é dicir, vaise traducir xa este ano na participación real dos rapaces e rapazas cedeiresas no próximo presuposto do seu Concello, porque incorporaremos as súas propostas”.

En concreto, a mocidade cedeiresa decidirá onde se invisten 20.000€ do próximo orzamento municipal da súa vila.

O programa comezará en novembro con diferentes sesións informativas e de debate nas aulas. O profesorado e a dirección do IES Punta Candieira, así como as familias dos mozos e mozas que protagonizarán esta experiencia piloto, están informados e implicados no seu desenvolvemento.

Segundo explicou a concelleira de Participación Cidadá, Carmela Prieto, o plan de traballo abrangue desde novembro a febreiro. A través desta experiencia, o alumnado achegarase ao funcionamento do Concello, aos seus órganos de decisión e á organización das diferentes áreas de xestión.

En primeiro lugar debatirán sobre as necesidades da súa vila, para a partir diso chegar a elaborar propostas. O persoal técnico do Concello tamén vai implicarse na iniciativa, tanto para verificar que as propostas son viables económica e xuridicamente como para explicar ao alumnado o itinerario que segue unha proposta ata a súa execución. Finalmente as propostas votaranse en asemblea.

O programa vai seguir a metodoloxía da “Cidade dos Nenos/as” do pedagogo Francesco Tonucci, convertindo ao alumnado en protagonista no deseño de actuacións públicas, e os postulados da Convención Internacional dos Dereitos do Neno, que no seu artigo 12 contempla a necesidade de expresar opinións naquelas decisións que lles afecten e telas en conta.

Para o desenvolvemento do proxecto, o Concello contratou á consultora Goodlife Factory.

CARTEL PUBLICITARIO DAS AXUDAS MUNICIPAIS PARA O IMPULSO DA ACTIVIDADE ECONÓMICA

Na seguinte ligazón pode descargarse o cartel publicitario destinado aos establecementos beneficiarios das axudas municipais para o impulso da actividade económica no termo municipal de Cedeira para paliar os efectos da COVID-19, aprobadas pola Xunta de Goberno Local en sesión extraordinaria o día 14 de outubro de 2020.

DESCARGAR PDF Cartel axudas impulso da actividade económica 2020

DESCARGAR IMAXE JPG Cartel axudas impulso da actividade económica 2020

O CONCELLO RECOLLE INFORMACIÓN PARA FACER O ESTUDO DIAGNÓSTICO DO COMERCIO E A HOSTALERÍA CEDEIRESA

O Concello de Cedeira pon en marcha a primeira fase do Plan de Dinamización do Comercio e a Hostalería coa recollida de información a través dunhas enquisas dirixidas tanto aos empresarios como á veciñanza da vila e visitantes. Desde o goberno local faise un chamamento á participación cubrindo un cuestionario que non leva máis que algúns minutos e que contribuirá a mellorar a competitividade dos negocios da localidade.

Desde xa pódense cubrir as enquisas nos enlaces colgados colgados na web do Concello:

O goberno local de Cedeira é consciente das dificultades que trouxo a crise sanitaria para os pequenos negocios, ao igual que das oportunidades que puxo de manifesto: o maior consumo local e o auxe da venda online ou o reparto a domicilio, en moitas ocasións a través de fórmulas colaborativas. Neste contexto, o Concello aposta por se converter en palanca de cambio coa posta en marcha deste Plan de Dinamización cuxo obxectivo é mellorar a competitividade do comercio e a hostalería local.

A fase de diagnóstico que agora se pon en marcha baséase na realización dunha análise do sector comercial e hostaleiro, por unha banda, e dos hábitos de compra e a percepción dos servizos que ofrecen os primeiros entre a clientela. Xunto coa realización das enquisas, recollerase información directa tamén doutras entidades, como asociacións culturais, musicais e deportivas, e celebraranse xuntanzas e entrevistas en profundidade a distintos tipos de axentes relacionados directa ou indirectamente coa actividade comercial da vila. Ademais, levaranse a cabo varias reunións ou mesas de traballo participativas co sector para completar o diagnóstico e validar as propostas de actuación.