Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

PARTICIPACION

CEDEIRA ESTREA ESTE NADAL A IMAXE “MERCA CEDEIRA” PARA A DINAMIZACIÓN DO COMERCIO E A HOSTALERÍA

O acendido da iluminación de Nadal en Cedeira, acto programado para mañá ás 18.30 horas, marcará tamén o inicio dunha campaña para impulsar o consumo de proximidade na que se vai estrear a nova marca “Merca Cedeira. “Temos ilusión por prender as luces e contribuír a recuperar a alegría e o sorriso neste ano tan complicado”, dixo o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, quen subliñou que o goberno local acordou coa hostalería e o comercio da vila adiantar a estrea da nova imaxe, e aproveitar as próximas festas para así potenciar aínda máis o papel de Cedeira como referencia para as compras dentro da comarca.

A iluminación de Nadal en Cedeira ten como principal novidade este ano a instalación dun “teito” de luces na rúa Real, unha instalación que vai na liña das actuacións do goberno local dirixidas a devolverlle ao casco vello o seu esplendor. Súmase tamén neste 2020 ao conxunto o adobío do Palacete Municipal cun sistema intelixente para o acendido de 2.500 luminarias led, incorporado polo Concello por suxestión de Cristian Crespo, un usuario de Apader ao que desde o goberno local queren agradecer expresamente a súa colaboración e ilusión no proxecto.

Ademais, como o ano pasado, o Concello instalou un árbol de luces na Praza do Peixe, árbores entre as dúas pontes e uns arcos e renos na praza de Galicia, empregando sempre lámpadas tipo led para mellorar e eficiencia e reducir a contaminación.

O NADAL ACENDERASE ESTE VENRES 4 DE DECEMBRO NA VILA DE CEDEIRA

O Concello de Cedeira programa para este venres 4 de decembro ás 18:30h o acto de acendido da iluminación de Nadal, unha iniciativa que coincidirá co que se levará a cabo nos máis de 130 establecementos que este ano novamente participan nunha campaña de promoción do comercio e da hostalería da localidade. Esta iniciativa consiste en sorteos de vales de compra, luces de cor branca en todos os locais e unha pequena árbore á porta, ademais dun cartel identificativo, coa imaxe desta nova campaña. Un total de 2.600 euros é o diñeiro a repartir entre os consumidores que aposten polo comercio local para facer as compras de Nadal ou para gozar da gastronomía local durante as celebracións de Nadal.

DUN PARQUE DE CALISTENIA A ACTOS CULTURAIS, PRIMEIRAS PROPOSTAS DOS ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS DE CEDEIRA

O alumnado de cuarto da ESO do IES Punta Candieria é un fervedoiro de propostas para os que serán os primeiros orzamentos participativos do Concello de Cedeira. Tras realizar unha diagnose sobre as necesidades do municipio, e máis concretamente da súa mocidade, teñen un primeiro paquete de ideas sobre o que están a traballar. Un parque de calistenia, un local de ensaios musicais, un parque canino e de adestramento, a creación dun fondo solidario para o propio instituto, a organización dun baile de fin de curso, de olimpíadas deportivas cos concellos próximos, dunha feira de formación e emprego, de actividades para as festas patronais, a publicación de traballos literarios, un auto-cine, unha boleira ou xogos de paint-ball están nesta primeira batería de propostas.

Tal é a variedade dos proxectos que os alumnos e alumnas teñen entre mans nestes momentos para chegar á elaboración dos primeiros orzamentos participativos do municipio, aos que o Concello de Cedeira ten reservada unha partida de 20.000€.

Os tres grupos de 4º da ESO traballan de maneira independente en diferentes propostas, que deberán ser enviadas ao Concello para que o seu persoal técnico elabore os informes de viabilidade técnica, xurídica e económica, e estime o custo de cada intervención. Está previsto que o grupo A entregue as súas xa o día 1 de decembro e que os outros grupos o fagan un pouco máis adiante. O obxectivo é ter finalmente unha relación de non máis de trinta propostas, todas elas valoradas economicamente e informadas favorablemente polos técnicos municipais, para ser sometidas a asemblea e votar as que finalmente se farán realidade.

No proceso de diálogo e debate que protagoniza o alumnado se puxeron sobre a mesa unha serie de inquedanzas, como son a extensión da rede de fibra óptica, os locais a disposición das asociacións ou a necesidade de vivendas sociais, que ainda que non se traduzan en propostas neste proceso serán tamén trasladadas ao Concello.