Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

PARTICIPACION

CONSULTA PÚBLICA PARA A FIXACIÓN DO PREZO POLA PARTICIPACIÓN EN ACTIVIDADES SOCIOCULTURAIS, RECREATIVAS, DE OCUPACIÓN DO TEMPO DE LECER E DE EDUCACIÓN NON FORMAL

Co obxectivo de garantir a participación dos cidadáns do texto regulador do prezo público pola participación en actividades socioculturais, recreativas, de ocupación do tempo de lecer e de educación non formal e calquera outra de análoga natureza así como pola asistencia a espectáculos e representacións organizados polo Concello de Cedeira, e en cumplimento do disposto no artigo 133 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas – LPACAP-, substánciase unha consulta pública previa para solicitar a opinión dos cidadáns e das organizacións máis representativas que potencialmente se poidan ver afectados pola mesma, sobre unha serie de aspectos como son os problemas que se pretenden solucionar coa iniciativa, a necesidade e oportunidade da súa aprobación, os obxectivos da norma e as posibles solucións alternativas regulatorias e non regulatorias.

No presente caso considérase unha duración de dez días hábiles para que para que cidadáns, organizacións e asociacións que así o consideren poidan facer chegar as súas opinións a través do rexistro.

Na seguinte ligazón pode consultarse o texto íntegro da providencia da Alcaldía:

DESCARGAR PDF Providencia de Alcaldía consulta prezo público pola participación en actividades socioculturais, recreativas, de ocupación do tempo de lecer e de educación non formal e calquera outra de análoga natureza así como pola asistencia a espectáculos e representacións organizados polo Concello de Cedeira.

O CONCELLO DÁ CONTA DO TRABALLO MUNICIPAL DOS ÚLTIMOS MESES NUN NOVO NÚMERO DE AS7PARROQUIAS

O Concello de Cedeira vai repartir estes días á veciñanza o boletín informativo As7Parroquias, que chega ao seu número 16 co reparto de axudas aos negocios da vila en portada. Xunto aos esforzos do goberno local na loita contra o covid-19, tanto no eido da actividade económica como no sanitario, esta nova achega da publicación informa sobre as obras acometidas durante o último trimestre e outras noticias da actualidade municipal.

Así, o goberno local informa de que xa suman 214.000€ as axudas repartidas por Concello e Deputación da Coruña entre as empresas e autónomos de Cedeira para combater os efectos da pandemia na actividade económica. As7Parroquias recolle tamén a nova da compra dunha carpa que está a ofrecer abrigo ás persoas que acoden ao Centro de Saúde e, por mor das actuais medidas de distanciamento, teñen que facer cola no exterior. No mesmo capítulo da loita contra o covid, o Concello inclúe o reparto de máscaras e xel hidroalcohólico entre a comunidade educativa.

O medio ambiente ten o seu protagonismo neste boletín, que dá conta da aprobación do Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACE) para recortar as emisións de CO2 do concello un 40%, así como da cualificación de “excelente” que acadaron as augas das praias cedeiresas por primeira vez en moitos anos.

O boletín ofrece o balance positivo que os comerciantes da vila fixeron da campaña de Nadal, na que se estreou a marca “Merca Cedeira”. Recolle tamén este número 16 de As7Parroquias información sobre os investimentos realizados nos últimos meses en traballos de mellora de camiños, saneamento e iluminación, así como sobre as obras feitas no cemiterio ou no campo de fútbol, na adecuación de dous zonas de aparcadoiro, no arranxo e compra de mobiliario para a biblioteca municipal e na rehabilitación da Fonte de Vilar, entre outras.

O proxecto Pescaturacción, dirixido a potenciar as sinerxias entre pesca e turismo e a contratación da sinalización do Camiño Vello a Santo André son outros temas que tamén aborda o boletín de información municipal. Ten protagonismo tamén na publicación a mocedade de Cedeira, a través do proxecto de orzamentos participativos que está a desenvolver o Concello con alumnado do IES Punta Candieira, así como do mural sobre a igualdade que pintaron rapaces e rapazas do mesmo centro.

Como é habitual, As7Parroquias reservou a súa contraportada para unha entidade asociativa da vila. Desta volta foi a Asociación de Amigos dos Ríos de Cedeira (ARCE) a invitada a falar do seu traballo, que está a contribuír decisivamente na recuperación do Condomiñas. A entidade conta que a estas alturas ten limpo un percorrido duns dous quilómetros no curso medio do río e que a veciñanza xa adoita pasear pola súa beira.

DESCARGA PDF boletín As7Parroquias nº 16

CEDEIRA ACOLLE EN MARZO O OBRADOIRO GRATUÍTO DE CREACIÓN DIXITAL “CONSTRUÍMOS UN RELATO”

O vindeiro 1 de marzo comeza o obradoiro en liña “Construímos un relato”, que ten como obxectivo facilitar a creación de contidos dixitais a través das redes de maneira creativa e participativa, de maneira colaborativa e partindo dun tema común, vinculado ao territorio e á veciñanza.

Este obradoiro está especialmente pensado para persoas vinculadas ao tecido asociativo de Cedeira o do veciño Valdoviño, interesadas en incorporar novas maneiras de comunicar e divulgar contidos, así como de crear comunidade, aproveitando as ferramentas dixitais.

O taller forma parte do proxecto Laboratorios Dixitais de Cultura Dixital, que desenvolve obradoiros relacionados co ámbito dixital en varios lugares da provincia. Esta iniciativa, que conta con financiamento da Deputación da Coruña e a colaboración da área de Cultura do Concello, é de carácter gratuíto.

O taller ten como obxectivo que as participantes aprendan facendo e que experimenten xuntas sobre o desenvolvemento dun relato, vinculado á realidade e ao territorio, “escrito” con ferramentas dixitais que neste caso serán pricipalmente as redes sociais.

O obradoiro ten un enfoque práctico e combinará pequenos contidos teóricos, cun acompañamento e titorización no desenvolvemento dun proxecto colectivo e tres sesións, ás 18:30, os días 1, 15 e 22 de marzo. A duración aproximada de cada sesión é de 1h.

Ten un máximo de 20 prazas que se adxudicarán por un criterio estritamente cronolóxico. As persoas interesadas en participar deben cumprimentar este formulario antes do 12 de febreiro:

https://forms.gle/uVD4Sd2Tc5jDXiqc6

 

 

Acción de guerrilla: crea a túa contracampaña publicitaria!

Os Laboratorios Itinerantes que desenvolve BenCuriosa ofrecen un segundo obradoiro, neste caso non só en Cedeira-Valdoviño, senón que é común a todos os concellos da provincia da Coruña que participan no proxecto.

Trátase de Acción de guerrilla: crea a túa contracampaña publicitaria!, unha proposta facilitada pola produtora creativa Illa Bufarda, especialmente dirixida a persoas e entidades con espírito crítico e activista, vinculadas á sensibilización ou defensa de colectivos, espazos e contextos vulnerables.

Este obradoiro ten como obxectivo que as participantes acaden -e poñan en práctica, a través dunha acción colectiva- os coñecementos e destrezas necesarios para desenvolver unha campaña (de comunicación, divulgación, concienciación,…) en base aos criterios da contrapublicidade.

Para isto combinará dúas sesión en liña de 45’ de duración e contidos teóricos en formatos sinxelos audiovisuais, así como propostas prácticas. As participantes contarán co apoio e titorización da equipa de Illa Bufarda en todo o proceso. As datas das sesións en liña serán o 4 e o 25 de marzo, ambas ás 18:30.

Igual que no caso anterior, o obradoiro ten un máximo de 20 prazas que se adxudicarán por un criterio estritamente cronolóxico. As persoas interesadas en participar deben cumprimentar este formulario antes do 12 de febreiro:

https://forms.gle/rWBpUhH73ndP9Moj9

É posible inscribirse nos dous obradoiros. Se quixerades máis información, podedes dirixirvos a ola@bencuriosa.gal, onde vos aclararán o que precisedes.