Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO DÁ CONTA DO TRABALLO MUNICIPAL DOS ÚLTIMOS MESES NUN NOVO NÚMERO DE AS7PARROQUIAS

O Concello de Cedeira vai repartir estes días á veciñanza o boletín informativo As7Parroquias, que chega ao seu número 16 co reparto de axudas aos negocios da vila en portada. Xunto aos esforzos do goberno local na loita contra o covid-19, tanto no eido da actividade económica como no sanitario, esta nova achega da publicación informa sobre as obras acometidas durante o último trimestre e outras noticias da actualidade municipal.

Así, o goberno local informa de que xa suman 214.000€ as axudas repartidas por Concello e Deputación da Coruña entre as empresas e autónomos de Cedeira para combater os efectos da pandemia na actividade económica. As7Parroquias recolle tamén a nova da compra dunha carpa que está a ofrecer abrigo ás persoas que acoden ao Centro de Saúde e, por mor das actuais medidas de distanciamento, teñen que facer cola no exterior. No mesmo capítulo da loita contra o covid, o Concello inclúe o reparto de máscaras e xel hidroalcohólico entre a comunidade educativa.

O medio ambiente ten o seu protagonismo neste boletín, que dá conta da aprobación do Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACE) para recortar as emisións de CO2 do concello un 40%, así como da cualificación de “excelente” que acadaron as augas das praias cedeiresas por primeira vez en moitos anos.

O boletín ofrece o balance positivo que os comerciantes da vila fixeron da campaña de Nadal, na que se estreou a marca “Merca Cedeira”. Recolle tamén este número 16 de As7Parroquias información sobre os investimentos realizados nos últimos meses en traballos de mellora de camiños, saneamento e iluminación, así como sobre as obras feitas no cemiterio ou no campo de fútbol, na adecuación de dous zonas de aparcadoiro, no arranxo e compra de mobiliario para a biblioteca municipal e na rehabilitación da Fonte de Vilar, entre outras.

O proxecto Pescaturacción, dirixido a potenciar as sinerxias entre pesca e turismo e a contratación da sinalización do Camiño Vello a Santo André son outros temas que tamén aborda o boletín de información municipal. Ten protagonismo tamén na publicación a mocedade de Cedeira, a través do proxecto de orzamentos participativos que está a desenvolver o Concello con alumnado do IES Punta Candieira, así como do mural sobre a igualdade que pintaron rapaces e rapazas do mesmo centro.

Como é habitual, As7Parroquias reservou a súa contraportada para unha entidade asociativa da vila. Desta volta foi a Asociación de Amigos dos Ríos de Cedeira (ARCE) a invitada a falar do seu traballo, que está a contribuír decisivamente na recuperación do Condomiñas. A entidade conta que a estas alturas ten limpo un percorrido duns dous quilómetros no curso medio do río e que a veciñanza xa adoita pasear pola súa beira.

DESCARGA PDF boletín As7Parroquias nº 16