Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

PARTICIPACION

SOMÉTESE A EXPOSICIÓN PÚBLICA A NOVA ORDENANZA PARA A PROTECCIÓN DOS CAMIÑOS E VÍAS MUNICIPAIS DE CEDEIRA

O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe a aprobación inicial da nova ordenanza municipal reguladora da protección dos camiños e vías públicas municipais do Concello de Cedeira. Segundo explicou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, a normativa existente quedou obsoleta para controlar a intensa actividade das empresas madeireiras, que ten suma importancia para a zona, e deste modo a administración local dótase dun marco que vai garantir que poidan desenvolvela sen problema e de maneira que non causen danos ao patrimonio municipal.

Así, as empresas terán que facer unha comunicación previa das cortas que van realizar e mesmo depositar unha fianza para cubrir os danos nos camiños e estradas municipais, no seu caso. Estarán obrigadas a repoñer ao seu estado orixinal as ramplas que abran para acceder ao monte. O mesmo atinxe ás empresas do sector eólico e aos transportes de material pesado que fagan pola rede viaria do Concello.

A ordenanza establece sancións de 1.500 euros a 3.000 euros para as infraccións moi graves; de 750 a 1.500 euros para as graves e de ata 750 para as leves.

Tal como se informa no BOP, a ordenanza vai estar a exposición pública durante 30 días previa á súa aprobación definitiva.

Pódese descargar o texto integro na seguinte ligazón:

DESCARGA PDF ordenanza municipal reguladora da protección dos camiños e vías públicas municipais do Concello de Cedeira

O GOBERNO LOCAL E O ALUMNADO IMPLICADO AVANZAN XUNTOS NA EXECUCIÓN DOS ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS

Os proxectos votados nos primeiros Orzamentos Participativos de Cedeira van ser moi pronto unha realidade. Despois da súa aprobación no pleno de finais de marzo, o goberno local desenvolveu nestes meses varias sesións de traballo en liña cos rapaces e rapazas de 4ª da ESO do IES Punta Candieira, para mantelos ao fío do procedemento e mesmo para consultarlles e decidir os últimos detalles da execución. Así, están adxudicadas xa as obras e elementos do parque de calistenia no Paseo Marítimo e concretáronse emplazamento, películas e datas para o ciclo de auto-cine.

A previsión do Concello é ter instalado o parque de calistenia a finais do vindeiro mes de xullo no lugar elixido polo alumnado, na zona do paseo marítimo próxima á cafetería, a máis concorrida. O goberno local adxudicou recentemente os traballos de acondicionamento do areeiro no que estarán instalados os xogos de calistenia á empresa Jardinería Arce, por 6.691,30€ (IVE incluído) e tamén os elementos do parque, como unha xaula de exercicios, unha escaleira horizontal, barras de flexións, paralelas e outros, á empresa Contorna Técnicas Constructivas, por 14.322,04€.

Segundo informan desde o goberno municipal, coincidindo coa estrea destas instalacións programaranse uns obradoiros para amosar á poboación a práctica da calistenia e os seus beneficios, e instalarase unha placa cunha inscrición que fará constar que o parque é froito do primeiro proxecto piloto de orzamentos participativos de Cedeira.

En tanto ao ciclo de auto-cine, o lugar preferido polo grupo de 4º da ESO á zona do peirao próxima á Confraría de Pescadores, polo que o Concello de Cedeira está a tramitar o permiso de Portos. De non ter a autorización, optariase por outra ubicación. Proxectaranse as películas “Cuñados” e “El Viaje de Chihiro” entre o 9 de xullo e o 21 de agosto.

Neste proceso de Orzamentos Participativos púxose a debate a contía de 20.000€, porén o goberno local deixou constancia no pleno de marzo, no que foron aprobados, o seu compromiso de repetir a experiencia cada ano e implicar nela ao alumnado de 4ª de ESO do IES Punta Candieira, de xeito que os sucesivos grupos teñan oportunidade de aprender de primeira man o funcionamento do Concello (a composición da corporación, os servizos públicos locais), e os aspectos a ter en conta nas decisións sobre o Orzamento Municipal (o interese xeral e o impacto desas decisións ou doutras, como se definen as necesidades dunha poboación local e cales son as dificultades de determinados colectivos). Ademais, o proceso implica unha reflexión sobre os equipamentos e recursos dos que dispón Cedeira, para realizar propostas máis acaídas á realidade local.

Agora, xunto coas súas familias, os protagonistas desta primeira experiencia estarán de seguro máis pendentes dos medios de comunicación e as redes sociais, para coñecer os avances sobre as políticas locais na súa vila e sobre as novas relativas aos proxectos no que estiveron trallabando nos últimos meses.

Tanto a dirección e o profesorado do IES Punta Candieira como o Concello, a través do equipo de goberno, teñen manifestado ao longo das sesións de traballo nestes meses, o valor pedagóxico desta nova forma de xestión local. Enxalzan a participación, o co-deseño e o contraste constante nas decisións, que aportan unha gran lexitimidade e acerto nas actuacións públicas.

PROGRAMA ONLINE DE FORMACIÓN EN DIXITALIZACIÓN E ASESORAMENTO EN LIÑAS DE SUBVENCIÓN

O GALP A Mariña-Ortegal está a desenvolver un programa formativo online e de asesoramento individualizado en remoto co obxectivo de modernizar os procesos de venda do pequeno comercio, as peixarías e restaurantes do territorio A Mariña-Ortegal.

Nunha primeira xornada formativa dedicarase informar das DIFERENTES FERRAMENTAS DIXITAIS que existen para poder ampliar a súa venda e presenza de forma dixital. Na segunda xornada presentaranse CASOS REAIS DE NEGOCIOS que implantaron ferramentas dixitais no seu modelo e veñen sendo boa práctica.

Nunha terceira xornada se darán a coñecer o TIPO DE AXUDAS OU SUBVENCIÓNS que hai para implantar as ferramentas que se viron nas xornadas formativas.

As datas para as sesións formativas son as seguintes:

  • Restaurantes 18 e 19 de maio de 9:00 a 11:00h e de 9:00 a 10:30h
  • Peixaría 24 e 25 de maio de 16:00 a 18:00h e de 16:00 a 15:30h
  • Pequeno comercio 26 e 27 de maio de 20:00 a 22:00h e de 20:00 a 21:30h
  • Liñas de Axudas e Subvencións 31 de maio de 20:00 a 22:00h

Ademais da parte formativa, o programa inclúe unha parte de ASESORAMENTO INDIVIDUALIZADO AOS ESTABLECEMENTOS, dedicado a resolución de dúbidas relacionadas cos contidos impartidos nas xornadas formativas e coas liñas de subvencións. Este asesoramento realizarase a través de liña telefónica, whatsApp e correo electrónico.

Para poder participar neste programa formativo e de asesoramento, é necesaria inscrición ben cubrindo o seguinte formulario https://bit.ly/2QKz23o, chamando ao teléfono 621 251 490 ou na seguinte dirección de correo electrónico formaciondixitalización@gmail.com.