Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

PARTICIPACION

O BOLETÍN AS7PARROQUIAS CHEGA AO SEU NÚMERO 20 COA INFORMACIÓN DO ORZAMENTO DE 2022

O goberno local de Cedeira vai distribuír estes días o número 20 do boletín informativo As7Parroquias, un instrumento de transparencia desde o que se fan chegar á veciñanza as novidades do traballo municipal. Desta volta infórmase da aprobación do novo orzamento municipal e das principais partidas ás que se van destinar os recursos, entre as que destaca a de servizos sociais. O avance do proxecto do Xeoparque Cabo Ortegal e a súa entrada na fase de avaliación, xunto coa presencia de Cedeira en Fitur, son outras das cuestións que trata a publicación.

A contraportada do boletín, sempre adicada ao tecido asociativo da vila, ofrece unha reportaxe sobre a Confraría de Pescadores. O seu presidente, Ricardo Vilar, fala da situación do sector e dunha das súas máis inmediatas preocupacións, o proxecto eólico marino Nordés, que rexeitou o pósito e tamén a corporación local.

Outros temas que aborda este número de As7Parroquias son as obras acometidas na ampliación da escola infantil da Galiña Azul, a sinalización das colonias felinas protexidas, o avance no programa municipal de recuperación de fontes e lavadoiros, o proxecto de incorporar un punto limpo itinerante para a recollida de enseres, os cursos e actividades de Cultura e de Servizos Sociais e a nova marca territorial de Cedeira.

Pódese descargar o boletín na seguinte ligazón:

Descargar PDF número 20 do boletín informativo As7Parroquias

ALUMNADO DO IES PUNTA CANDIEIRA PARTICIPARÁ HOXE NOS ACTOS DO 8M ORGANIZADOS POLO CONCELLO

O Concello de Cedeira vai conmemorar hoxe o Día Internacional da Muller cun acto institucional ás 12.30 horas, na praza da Reitoral, no que se vai ler un manifesto de reivindicación da igualdade en todos os eidos. No acto van participar rapaces e rapazas do IES Punta Candieira e contará coa música que van aportar o dúo María e Giulia e o Grupo da Escola de Música Vila de Cedeira.

A continuación, os participantes acudirán á Biblioteca Municipal López Cortón para inaugurar o Punto Lila, no que se van concentrar diferentes lecturas relacionadas coa igualdade entre xéneros, tanto contos para o público infantil como libros para a mocidade ou as persoas adultas.

Para o vindeiro día 11, venres, o Concello ten previsto celebrar neste Punto Lila a presentación do libro Comezar desde cero: Voces de mulleres rescuperando as súas vidas, obra de Tania Merelas. A obra é a culminación da tese doutoral desta educadora social, socia e traballadora de Arabías.

Os actos do 8M rematarán coa gala prevista o sábado, día 12, para a entrega do premio Muller da Vila. Como se informou, é un galardón que concede a Asociación Mulleres da Vila e que recae desta volta, na súa quinta edición, la xunta local da Asociación Española Contra o Cancro. A gala será ás 18.00h no Auditorio Municipal.

O CONCELLO CONSOLIDA OS ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS CO CONCURSO DO ALUMNADO DO IES PUNTA CANDIEIRA

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, e a concelleira delegada de Participación e Mocidade, Carmela Prieto, presentaron o pasado venres no IES Punta Candieira o proxecto de Orzamentos Participativos para o presente ano 2022. Desta volta un total de 60 alumnos e alumnas, que cursan 3º da ESO e que teñen, na súa maioría, 14 anos cumpridos, están encargados de debater e decidir sobre o destino dunha partida de 20.000€ do presuposto municipal.

O Concello de Cedeira desenvolveu o pasado ano a súa primeira experiencia de Orzamentos Participativos, daquela co curso de 4º da ESO. Do proceso saiu o parque de calistenia que se inaugurou o pasado verán na zona do Camiño Real e un ciclo de autocine.

O proceso, de novo este ano, implica directamente á comunidade escolar do IES Punta Candieira, que vai traballar en estreita colaboración co Concello durante os vindeiros meses. Como no pasado curso, os mozos e mozas van debater diferentes propostas, que poden corresponder a calquera área de xestión municipal (cultura, deporte, medio ambiente, obras, urbanismo, servizos sociais e igualdade) ao tempo que aprenden o funcionamento da administración municipal e os seus órganos de decisión.

Neste mes de febreiro, realizaranse as primeiras sesións formativas para que o alumnado coñeza o funcionamento interno do Concello, quen o compón e como se toman decisións dentro das súas competencias. Isto facilitará a elaboración posterior de propostas por parte dos rapaces e rapazas, que redactarán proxectos acordes á capacidade da administración local. Xa no mes de marzo terán lugar as catro sesións de análise do territorio e problemáticas a resolver ademais das últimas sesións formativas, nas que aprenderán a confeccionar os distintos proxectos. O alumnado debaterá ademais sobre os beneficios de cada proxecto para a comunidade, baixo pautas de solidariedade e equilibro entre parroquias e colectivos.

Cada semana, o alumnado avanzará nas horas de titoría sobre o contido impartido na sesión anterior, recollendo información e perfilando as súas propostas, co ánimo de ser entregadas ao Concello a inicios do mes de abril. O persoal técnico municipal fará a continuación unha análise das ideas do alumnado (para ver se entran dentro das competencias municipais e son viables técnica, económica e xuridicamente) e redactará un informe de viabilidade por cada proposta.