Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

O CONCELLO PROXECTA A SUBSTITUCIÓN DAS CALDEIRAS DE GAS POR OUTRAS DE BIOMASA NA PISCINA MUNICIPAL

O goberno local de Cedeira vén de presentar un proxecto de substitución da actual caldeira de gas da piscina municipal por un sistema de biomasa, máis eficiente e menos contaminante, ao Fondo de Cooperación Local. Segundo informou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, a actuación está orzamentada en algo máis de 92.000€ e solicitouse o 100% de axuda para financialo totalmente a través da devandita convocatoria da Xunta de Galicia.

O alcalde de Cedeira destacou que o cambio de sistema vai aforrar ao ano a emisión de 61,39 toneladas de CO2 á atmósfera. Actualmente, a piscina municipal conta con dúas caldeiras de gas, un combustible fósil que é máis contaminante, e unha microxeración de gas que non está en uso. A actuación proposta pasa por modernizar as instalacións, consonte o que di o Código Técnico da Edificación e o Regulamento da Instalacións Térmicas en Edificios, para empregar enerxías renovables. Así, as novas caldeiras funcionarán con pellets e permitirán quentar o vaso de auga da piscina, proporcionar calefacción ao edificio e producir auga quente.

Instalaranse dúas caldeiras de biomasa, de 64 kW de potencia cada unha, que se alimentarán de forma automática desde un silo textil ubicado na parte superior da actual sala das caldeiras de gas. Mellorarase o illamento das tubaxes, para evitar perdas de enerxía, e levarase a cabo unha mellora na regulación do sistema, que estará mellor controlado e por tanto será máis eficiente.

O Concello de Cedeira está a reclamar a construción dunha nova piscina de 25 metros, porén cando ese proxecto se faga realidade –clarexan desde o goberno local- a actual seguirá a prestar servizo á poboación.

Moreda Gil recordou que o Concello de Cedeira está comprometido coa loita contra o cambio climático. No ano 2020 o alcalde asinou o Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía, ao que se sumaron máis de 7.000 concellos de 57 países, e a continuación elaborouse un plan de acción que preveía reducir as emisións contaminantes de Cedeira nun 40%. Xunto coas accións de sensibilización para que a poboación contribúa a limitar a contaminación, a administración local adquiriu un compromiso importante no recorte das emisións das súas propias instalacións.

O CONCELLO VAI ADECUAR DÚAS SALAS DO PALACETE PARA ACOLLER A “COLECCIÓN USERO” SOBRE A HISTORIA LOCAL

O Concello de Cedeira ten previsto iniciar en breve as obras de adecuación de dúas salas do Palacete Municipal para albergar a exposición permanente coa colección de Rafael Usero. Tal como xa se informou no seu día, o goberno local levou o pasado ano ao pleno a proposta de poñer en valor a colección de obxectos relacionados coa historia da localidade que o cronista oficial reuniu en toda unha vida de estudo e que levaba tempo querendo ceder ao pobo.

Segundo informou a concelleira de Cultura, Ermitas García, actualmente se está a realizar a restauración das pezas de madeira que se atopaban en mal estado e pronto comezarán tamén as obras para que o Palacete acolla a mostra. Esta ocupará as dúas salas que están ao fondo, na pranta baixa do Palacete, aínda que no vestíbulo se situará algunha peza, información sobre a exposición e dúas columnas, todos estes elementos para invitar a entrar na mesma.

A colección de Rafael Usero reúne varios machados prehistóricos, elementos que a miudo se conservaron nas casas ao longo do tempo porque a xente lles atribuía propiedades máxicas. A parte da exposición correspondente á prehistoria é quizais a máis interesante, aínda que tamén estarán nela unha destacada variedade de obxectos de diferentes etapas históricas.

Ao fío deste proxecto de posta en valor da historia local, Ermitas García informou de que o Concello de Cedeira vai sacar á luz en breve a publicación “O Pazo Moscoso, datos para a súa historia”, con textos de Rafael Usero e fotografías de Iago Leonardo. A través deste libro poderá coñecerse mellor o pasado do inmoble que o Concello vén de rehabilitar para acoller diferentes servizos.

O CONCELLO CONTRATA POR MÁIS DE 68.500€ AS OBRAS PARA DOTAR DE REDE SEPARATIVA DE SANEAMENTO Á RÚA REGUEIRO

O Concello de Cedeira adxudicou por 68.544€ as obras de creación da rede separativa de saneamento na rúa Regueiro, que servirán tamén para mellorar a mobilidade peonil porque se vai aproveitar para facer máis ancha a beirarrúa. Desde o goberno local recordan a importancia de ter sistemas separados para recoller as augas pluviais e as fecais e destacan o avance que nesta materia experimentou Cedeira nos últimos anos.

A obra ten un prazo de execución de dous meses. A rúa Regueiro ten uns 120 metros de percorrido e por ela vai o tráfico rodado nunha única dirección, con aparcamento en liña e unha beirarrúa. As obras incluirán a instalación dunha nova rede de pluviais, á que se conectarán os sumideiros e tamén as baixantes das casas, así como a ampliación da zona para o tránsito peonil, que vai pasar a ter 1,40 metros de ancho e vai mellorar sensiblemente as súas condicións de accesibilidade. A rúa manterá invariables o mesmo número de prazas de aparcamento para vehículos.

Contar cunha rede separativa, que xestione por un lado as augas residuais das vivendas e por outra as pluviais, tanto da propia rúa como das baxantes das casas, fai que a rede de saneamento non sufra sobrecargas en momentos de chuvia e que a EDAR funcione mellor.