O CONCELLO VAI ADECUAR DÚAS SALAS DO PALACETE PARA ACOLLER A “COLECCIÓN USERO” SOBRE A HISTORIA LOCAL
O Concello de Cedeira ten previsto iniciar en breve as obras de adecuación de dúas salas do Palacete Municipal para albergar a exposición permanente coa colección de Rafael Usero. Tal como xa se informou no seu día, o goberno local levou o pasado ano ao pleno a proposta de poñer en valor a colección de obxectos relacionados coa historia da localidade que o cronista oficial reuniu en toda unha vida de estudo e que levaba tempo querendo ceder ao pobo.
Segundo informou a concelleira de Cultura, Ermitas García, actualmente se está a realizar a restauración das pezas de madeira que se atopaban en mal estado e pronto comezarán tamén as obras para que o Palacete acolla a mostra. Esta ocupará as dúas salas que están ao fondo, na pranta baixa do Palacete, aínda que no vestíbulo se situará algunha peza, información sobre a exposición e dúas columnas, todos estes elementos para invitar a entrar na mesma.
A colección de Rafael Usero reúne varios machados prehistóricos, elementos que a miudo se conservaron nas casas ao longo do tempo porque a xente lles atribuía propiedades máxicas. A parte da exposición correspondente á prehistoria é quizais a máis interesante, aínda que tamén estarán nela unha destacada variedade de obxectos de diferentes etapas históricas.
Ao fío deste proxecto de posta en valor da historia local, Ermitas García informou de que o Concello de Cedeira vai sacar á luz en breve a publicación “O Pazo Moscoso, datos para a súa historia”, con textos de Rafael Usero e fotografías de Iago Leonardo. A través deste libro poderá coñecerse mellor o pasado do inmoble que o Concello vén de rehabilitar para acoller diferentes servizos.