Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

A CAMPAÑA DE ALINGUA A PROL DO GALEGO CHEGA A CEDEIRA E AO SEU CENTRO DE OCIO XUVENIL

O Concello de Cedeira participa na nova campaña de Alingua, entidade que naceu hai un ano e agrupa 19 municipios implicados no traballo en rede a prol do uso do galego. Entre outras accións, a plataforma lanzou un vídeo musical cun tema eléctrico-latino no que Fátima Pego e Grande Amore cantan “É túa. Pásaa!”. A fachada do Palacete luciu desde pasado día 13 unha gran lona, que desde hoxe estará no Centro de Ocio Xuvenil, na que pode lerse o título da canción e escanear un código QR para visualizar o vídeo en Youtube – https://youtu.be/9HJXlhbBTRI-.

Ademais, da fachada do Concello pendurouse tamén estes días unha bandeirola co lema “En Cedeira alínguase”, parte da mesma campaña. Tal e como explicou a concelleira de Cultura, Ermitas García, o goberno local invituou ao colexio e ao instituto, ás asociacións socioculturais e clubes deportivos e ás entidades veciñais a recoller cadansúa bandeirola para sumarse tamén desde os seus locais e instalacións á iniciativa.

O Concello de Cedeira integrouse hai un ano nesta plataforma que agrupa actualmente a 19 municipios e que ten como obxectivo promover o traballo en rede, compartir ideas e organizar actividades para avanzar no uso da lingua galega.

CHARLA SOBRE A FRAGATA SAN JUAN BAUTISTA E O PROXECTO DE RECUPERACIÓN DOS SEUS RESTOS AFUNDIDOS

O Museo Mares acollerá este sábado, ás 12.00h, a charla “Arqueoloxía submarina en Cedeira: A fragata San Juan Bautista”, na que intervirán o arqueólogo submarino Alberto García Montes de Oca e Yago Abilleria Crespo, director e promotor, respectivamente, do proxecto de recuperación dos restos do devandito barco. Os ponentes falarán do buque e explicarán como se van realizar os traballos.

A fragata San Juan Bautista naufragou no ano 1709 ás portas da ría de Cedeira cando trataba de buscar refuxio no porto local fuxindo da piratería. Era un dos primeiros navíos “de aviso”, chamados así por ser barcos pequenos e rápidos, construídos para facer chegar o correo desde as Indias ata España. O buque procedía do Virreinato do Perú e é excepcional que navegara por estas costas, porque habitualmente estes barcos se dirixían a Sevilla ou aos portos do sur.

Coñecemos detalles do naufraxio grazas ao procedemento que lle abriron ao capitán, o vasco Francisco Sorarte, pola perda do correo da Coroa. Naquel expediente consta que o barco fuxía dos piratas e trataba de entrar na ría de Cedeira no medio dun forte temporal que terminou por levalo contra as rochas nunha zona situada entre Pedras Brancas e a pena denominada Con Cagado. As xentes de Cedeira saíron socorrer á tripulación e conseguiron, de feito, salvar a todos os homes salvo un, así como gran parte da carga, que no medio da tormenta puxeron a salvo na capela de San Antonio.

A comisión de seguimento do Museo Mares, integrada polo Concello de Cedeira, a Confraría de Pescadores e a mesma Asociación Mares, acordara xa no ano 2020 darlle apoio loxístico ao proxecto, denominado “Ría de Cedeira”. A meteoroloxía impediu levar a cabo a campaña cando estaba previsto e logo a pandemia retrasou as tarefas.

A DEPUTACIÓN LICITA AS OBRAS DE RECTIFICACIÓN DA CURVA DE TIDE, NA ESTRADA PROVINCIAL A SANTO ANDRÉ

A Deputación da Coruña sacou a concurso a obra de rectificación do trazado da estrada provincial DP 2206, a que leva a San André, para eliminar a pronunciada curva de Tide pola que os vehículos teñen que circular a 30km/hora e que dificulta moito o paso dos numerosos autobuses que se dirixen ao núcleo de Teixido. Sae a licitación este proxecto despois de que a administración provincial actualizara o presuposto, dos anteriores 350.305,36€ aos actuais 406.061,08€.

A actuación, que se levará a cabo entre os puntos quilométricos 0+920 e 1+220, vai permitir ampliar a sección da estrada e incrementar de xeito notable a visibilidade. O novo trazado implica a construción dun terraplén e a creación dunha obra de drenaxe transversal en marco de formigón armado para dar continuidade a un regato.

É este un proxecto que a Deputación tiña xa redactado en xullo de 2020. Porén, no tempo que se adicou a obter os terreos e as autorizacións precisas doutras administracións, entre elas Augas de Galiza, os prezos no sector da construción sufriron unha acusada subida. Foi preciso aprobar un novo orzamento para sacar a licitación a iniciativa.

As empresas teñen ata o 15 de maio para presentar as súas ofertas. O prazo de execución, unha vez contratada a obra, será de cinco meses. O expediente está publicado na Plataforma de Contratación do Sector Público.