Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

VISITA DO XERENTE DA ÁREA SANITARIA AOS TERREOS NOS QUE SE VAI LEVANTAR O NOVO CENTRO DE SAÚDE DE CEDEIRA

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, acompañou onte ao xerente da área sanitaria, Ángel Facio, nunha visita aos terreos que o Concello vai ceder para a construción do novo Centro de Saúde. No encontro, no que tamén participaron técnicos do Concello e da Consellería, as partes concordaron en que o máis beneficioso para o mellor desenvolvemento do proxecto será que a administración local ceda á autonómica tamén os espazos da contorna do edificio nos que, segundo xa tiña previsto o goberno local, irán os aparcadoiros, beirarrúas, etc.

A visita serviu para constatar unha vez máis que os terreos que facilita o Concello son apropiados para o desenvolvemento do novo Centro de Saúde, se ben coa suma da superficie de aparcamento poderá construírse o novo edificio en pranta baixa, algo que se considerou moi positivo cara á accesibilidade a todas as consultas, en especial á nova de fisioterapia. Así, estaba xa prevista a cesión de 2.318,07 metros cadrados de superficie bruta, aos que se sumarán outros máis de mil de solo dotacional que tamén ten o Concello na mesma zona e que estaba previsto desenvolver urbanisticamente, conectando a zona coa rúa Pitilleira e a avenida España e habilitando beirarrúas e prazas de aparcamento.

A Consellería de Sanidade fará agora un informe redefinindo as necesidades, para que o Concello cumpra a continuación cos trámites precisos. Moreda Gil destacou o clima de colaboración entre as dúas partes, que están a seguir as recomendacións dos técnicos para facer posible que a construción do novo Centro de Saúde sexa unha realidade canto antes. O alcalde tamén recordou que coa edificación deste inmoble quedará liberado o actual para darlle outros usos e cubrir necesidades do concello.

DESDE LLEGA700 INFÓRMANNOS QUE NOS PRÓXIMOS DÍAS VAI TER LUGAR A ACTIVACIÓN DA REDE MÓBIL DE NOVA XERACIÓN

Desde a empresa llega700 infórmannos que nos próximos días vai ter lugar a activación da rede móbil de nova xeración no noso municipio.

Se detecta algún tipo de problema na visualización das canles da TDT, habilitase un teléfono e un correo electrónico:

Teléfono: 900 833 999

Correo electrónico ayuda@llega700.es

Unha vez iniciada a prestación do servizo mencionado, nese número de teléfono e correo atenderase calquera solicitude de solución de afectación que presenten os/as veciños/as.

O CONCELLO SOLICITA UNHA SUBVENCIÓN PARA FINANCIAR O 80% DA AMPLIACIÓN DO XIMNASIO MUNICIPAL

O Concello de Cedeira vén de solicitar unha subvención da Xunta de Galicia, no marco da convocatoria da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes para a construción, reforma, reparación, adecuación ou reforma de instalacións deportivas dos concellos, para financiar a ampliación do espazo destinado a ximnasio no Polideportivo Municipal. A actuación está orzamentada en preto de 62.000€ e a axuda autonómica servirá para sufragar o 80%.

O espazo destinado ao ximnasio, dentro do Polideportivo Municipal, conta actualmente con 82 metros cadrados. É unha superficie que se quedou pequena para a alta demanda destas instalacións, que son empregadas por pequenos e maiores, tanto para actividades e entrenamentos persoais como en programas dirixidos, como son as clases de Ximnasia Terapéutica que o Concello imparte a maiores de 60 anos ou as sesións da Asociación Apader.

A ampliación prevista permitirá dotar ao ximnasio dun total de 119 metros cadrados. Estará no mesmo sitio que agora, preto da pista polideportiva, pero adecuarase todo o espazo dispoñible ata o paramento exterior do propio pavillón. O presuposto da actuación é de 61.905,69€ e a prevision do Concello de Cedeira é financiar o 80% a través da devandita subvención da Xunta de Galicia, aportando dos orzamentos municipais o 20% restante.