Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

O Amanexo foi o local gañador do primeiro concurso de tapas de outono do Concello de Cedeira

O AMANEXO FOI O LOCAL GAÑADOR DO PRIMEIRO CONCURSO DE TAPAS DE OUTONO DO CONCELLO DE CEDEIRA

O Amanexo Gastrobar, nun negocio de hostalería que Miguel López López abreu hai un ano na praza de Galicia, foi o gañador do primeiro concurso de Tapas de Outoño de Cedeira co aperitivo “Chicarrón de codillo de cerdo”.

Miguel López considerou que nas diferentes texturas do prato estivo a clave para facerse cun certame no que tomaron parte dazaseis locais da localidade. A tapa gañadora obtivo 155 votos dos 456 emitidos nun total das 253 tarxetas recollidas durante os dous días que durou a convocatoria.

O Mesón foi o segundo clasificado, cun total de 151 votos e a tapa denominada “Delicias de Temporada”, mentres que A Taberna do Jojó, coa proposta “Barquita de parmesano rellena de setas”, quedou terceira cun total de 150 votos.

A entrega de premios tivo lugar onte e contou coa presenza das concelleiras de Cultura e Servizos Sociais, María Xosé Rodríguez Pérez e Manuela López, respectivamente, que valoraron a implicación do sector da hostalería nesta primeira edición do certame, así como a magnífica presentación e calidade das tapas presentadas.

Diana López Pérez foi a gañadora da cea para dúas persoas no Amanexo.

Cedeira inviste máis de 54.000 euros en mellorar catro camiños públicos da zona rural

CEDEIRA INVISTE MÁIS DE 54.000 EUROS EN MELLORAR CATRO CAMIÑOS PÚBLICOS DA ZONA RURAL

O Concello de Cedeira vén de investir 54.762,95 euros na reparación de catro camiños rurais de titularidade municipal. Trátase dos de Vilarcay, Meizoso, As Bieiteiras e Igrexa de Cervo.

As actuacións consistiron principalmente na limpeza de cunetas por ámbalas dúas marxes, en ampliar en 15 centímetros a altura da capa de rodaxe e no rego asfáltico semiprofundo e superficial no conxunto total das superficies intervidas. Estas abrangueron un total de 7.700 metros cadrados.

Desde o goberno municipal destácase a necesidade de seguir investindo en infraestruturas para mantelas nas mellores condicións posibles, tanto para garantir a seguridade de condutores e peóns como para facilitar a comunicación en todo o termo municipal.

As obras agora rematadas recibiron financiamento local e autonómico, este último a través dos fondos Agader do ano 2017.

VER GALERÍA das melloras de catro camiños públicos da zona rural

O Concello compra camas xeriátricas para ceder gratuitamente aos usuarios dos servizos sociais

O CONCELLO COMPRA CAMAS XERIÁTRICAS PARA CEDER GRATUITAMENTE AOS USUARIOS DOS SERVIZOS SOCIAIS

O Concello de Cedeira vén de adquirir un total de dez camas xeriátricas con carro elevador para usuarios dos Servizos Sociais co fin de complementar a prestación domiciliaria a persoas con escasos recursos. O importe do contrato, adxudicado á empresa Coloro SL, ascendeu a 13.550 euros (IVE incluído).

A concelleira de Servizos Sociais, Manuela López Rodríguez, sinalou que as catro primeiras camas xa foron entregadas e adiantou que é intención do goberno municipal ampliar o subministro coa adquisición de dez unidades máis con cargo aos orzamentos do próximo ano. López Rodríguez avaliou esta decisión na demanda existente e na necesidade de substituír as actuais polo mal estado no que se atopan. Neste sentido, a concelleira explicou que as que agora están en uso foron cedidas no seu día polo Sergas con motivo da reforma do complexo sanitario Arquitecto Marcide.

Os usuarios de Servizos Sociais que por enfermidade ou convalecencia necesiten unha cama xeriátrica só terán que cumprimentar a correspondente solicitude para ter acceso a unha delas. O Concello de Cedeira cederá o equipamento de maneira gratuíta durante o tempo que sexa necesario.