Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

Cedeira acometerá catro novas obras para mellorar a rede municipal de camiños públicos

CEDEIRA ACOMETERÁ CATRO NOVAS OBRAS PARA MELLORAR A REDE MUNICIPAL DE CAMIÑOS PÚBLICOS

O Concello de Cedeira contempla un gasto de 67.518,28 euros para darlle continuidade este verán ao plan de mellora de camiños públicos.

Catro son as novas intervencións que o executivo local prevé sacar a licitación nas próximas datas. En concreto, trátase dos viais situados en Piñeiro, O Campón, A Pasada e o coñecido como Hedreiros.

As obras consistirán na reparación das estruturas viarias, que na actualidade presentan fochancas e outras deficiencias, mediante tratamentos asfálticos e selado en toda a superficie, así como na limpeza das gabias e na aplicación dunha capa de macadam naqueles tramos que se atopen en peor estado de conservación.

En conxunto, serán máis de 2,5 quilómetros dunhas intervencións coas que se busca mellorar a seguridade viaria e mesmo a comunicación polo municipio. O prazo de execución dos traballos será de oito semanas, segundo as previsión dos responsables locais.

Cedeira acolle mañá sábado o campionato galego de triatlon, que reunirá a 320 participantes

CEDEIRA ACOLLE MAÑÁ SÁBADO O CAMPIONATO GALEGO DE TRIATLON, QUE REUNIRÁ A 320 PARTICIPANTES

A vila de Cedeira acollerá por terceira ocasión o Campionato Galego de Triatlón, que será mañá sábado e no que participan un total de 320 nenos e nenas con idades comprendidas entre os dez e dezasete anos.

O Concello colabora economicamente na celebración do evento deportivo e pon a disposición da organización a cesión de instalacións e o traballo de axentes da Policía Local, membros de Protección Civil e traballadores municipais para garantir o normal desenvolvemento das probas, que darán comezo ás 13.05 horas e que terán lugar no contorno da praia da Madalena. Tamén contribúen con empanadas, mantecadas e outros agasallos a Panadaría Arribi e Gadis e Eroski con produtos para o avituallamento dos rapaces e rapazas.

A competición, que chega este ano a súa sexta edición local, dará lugar a probas de natación, bicicleta e carreira cuxos percorridos estarán en función da idade dos participantes. No caso da natación, a distancia será de 100 metros para os benxamíns e de 750 metros para os cadetes, mentres que na proba ciclista os máis novos pedalearán durante 2 quilómetros e os maiores un total de dez. As lonxitudes ás que se enfrontarán os participantes na proba da carreira oscilan entre os 500 metros e os 2,5 quilómetros.

A organización repartirá trofeos entre os tres primeiros clasificados, tanto a título individual como por equipos.

O goberno de Cedeira quere agradecer publicamente á organización a promoción deportiva que no ámbito local fai coa celebración dunha proba destas características, así como o traballo desinteresado dos voluntarios que veñen colaborando desde hai días para telo todo a punto cara ao día de mañá. Por outra banda, pídense desculpas aos veciños e visitantes polas incomodidades que poidan derivarse do desenvolvemento do campionato e tamén precaución por tratarse de competicións que requiren moito movemento de persoas e mesmo de vehículos.

O palacete acolle estes días unha mostra de labores realizadas pola asociación de patchword

O PALACETE ACOLLE ESTES DÍAS UNHA MOSTRA DE LABORES REALIZADAS POLA ASOCIACIÓN DE PATCHWORD

O Palacete municipal de Cedeira acolle estes días unha exposición de traballos realizados polas alumnas e socias da Asociación de Patchword da localidade. A mostra, que estará aberta ao público ata o día 15 do presente mes, pode ser visitada en horario de mañá e tarde, de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas.

A entidade, na actualidade presidida por Josefa López Rey, trata así de darlle visibilidade ás labores realizadas ao longo dos últimos meses, así como divulgar un traballo artesanal moi laborioso. Edredóns, roupa para nenos e nenas, neceseres e manteis son algúnhas das pezas expostas e realizadas por un conxunto de dezasete mulleres das máis de corenta socias que agora ten a Asociación de Patchword de Cedeira.