Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

APÚNTATE Á COMPOSTAXE

A compostaxe doméstica é unha iniciativa destinada a aquelas persoas residentes en vivendas que dispoñan dunha pequena zona verde (campo, horta ou xardín). É unha forma limpa e sinxela de xestionar os residuos orgánicos (restos de comida, xardinería e horta) xerados nos fogares.

Compostar no só reduce a cantidade de residuos que poderían acabar en vertedoiros, tamén xera compost, un abono natural de alta calidade que mellora a fertilidade dos solos sen ter que recurrir a fertilizantes sintéticos.

O concello , coa intención de dar continuidade ao seu programa de compostaxe doméstica, ten en previsión unha nova entrega de composteiros nos vindeiros meses. O que permitirá a incorporación de novos participantes a un proxecto no que xa están implicadas máis de 200 familias de Cedeira.

Quen desexe informarse e/ou solicitar a participación neste programa, pode acudir á xornada de sensibilización que terá lugar o vindeiro venres 15 de setembro, no local da AVV de Régoa, de 17h a 20h. Trátase dunha actividade aberta a toda a veciñanza de Cedeira, polo que poden acudir persoas de tódalas parroquias, non só de Régoa.

Tamén é posible solicitar a adquisición dun composteiro de xeito presencial no rexistro municipal; ou ben a través da sede electrónica, empregando o modelo de solicitude dispoñiible na páxina web do concello.

DESCARGA PDF MODELO SOLICITUDE DE COMPOSTEIRO

A RÍA DE CEDEIRA COMEZA NOS SUMIDOIROS

Dende o concello quérese lembrar que, Cedeira conta con canalizacións para a recollida diferenciada da auga de escorregamento pluvial. Deste xeito , a auga procedente da choiva, circula pola rede de pluviais sen recibir ningún tratamento, para acabar desembocando directamente no río e na ría.

Por este motivo, débense evitar xestos nocivos co medio ambiente como verter aos sumidoiros as augas de fregar, ou tirar cabichas e lixo no chan, que acabarán sendo arrastradas aos sumidoiros, producindo taponamentos na rede e efectos negativos sobre a vida mariña.

Todos e todas podemos contribuír á mellora da calidade das augas, facendo un uso responsable dos sumidoiros.

CEDEIRA PROGRAMA UN ANO MÁIS O CICLO “CANTOS E CONTOS AO SOLPOR” PARA DESPEDIR AO VERÁN

O Concello de Cedeira está a desenvolver neste mes de setembro unha nova edición do ciclo “Cantos e contos ao solpor”, un programa que cada ano tira da forza da narrativa oral para afrontar con bo humor o paso do verán ao outono. Tras a estrea o pasado sábado na asociación de vecinos de Régoa a cargo do narrador Caxoto, o ciclo viaxará o vindeiro sábado ao local social de Tarroiba, en Cervo. A compañía Xarope Tulú representará alí a peza “Vicio houbo sempre”, ás 20.00h.

Xarope Tulú é unha compañía formada pola actriz Atenea García e o escenógrafo e músico Nicolás Zamorano. No espectáculo “Vicio houbo sempre”, dirixido ao público adulto, compártense historias de vida recollidas en conversas con diferentes mulleres moi por riba dos oitenta anos e relacionadas coas normas sociais e o vello costume de transgredilas.

O ciclo terá unha terceira cita o vindeiro día 16 de setembro no local da asociación de vecinos de San Román. Ese sábado, tamén ás 20.00h, os contos correrán a cargo do actor Quico Cadaval. O seu espectáculo leva por título “Complexo de Edipo” e é un diálogo imaxinario do narrador coa súa nai no que transita da traxedia ao ridículo.