Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

As audicións da Escola de Música son o adianto do nadal cedeirense

O Concello de Cedeira colabora na celebración das Audicións de Nadal que do luns 16 ao venres 20 terán lugar no auditorio municipal e nas que tomarán parte a práctica totalidade dos alumnos da Escola de Música Vila de Cedeira. A matrícula actual do centro é de 130 estudantes.

O luns, a partir das 19.00 horas, dará comenzo esta programación coas auducións de saxofón, acordeón e improvisación para continuar o martes, día 17, coas de vento metal, canto e percusión. Estas últimas desenvolveranse entre as 18.30 e as 20.00 horas.

Os adultos e os alumnos de canto, clarinete e frauta travesa protagonizarán a cita prevista para o mércores 18, que arrancará ás 18.30 e rematará pasadas as 20.00 horas. O xoves 19 será a quenda dos alumnos de guitarra, gaita e frauta de pico, que será ás 18.00 horas.

Esta convocatoria xa tradicional do Nadal cedeirense rematará o venres, día 20, cunha audición conxunta do alumnado da Escola de Música, no que hai desde nenos de catro anos ata persoas con máis de 70. Este último encontro será ás 19.30 horas.

A vila de Cedeira conta cunha gran tradición musical, que se pon de manifesto coa presenza incesante da música en toda a programación cultural e coa existencia de moitas e diferentes agrupacións musicais locais.

O elevado número de matrículas garante a continuidade desta especial vinculación de Cedeira coa música. O alumnado do presente curso repártese entre clases de Instrumento e Conxunto (especialidades de clarinete, frauta travesa, saxofón, percusión, vento metal, gaita, frauta de pico, piano, guitarra clásica, guitarra española, baixo eléctrico, canto e acordeón), Música e Movemento (dende os 4 os 7 anos), Linguaxe Musical, Harmonía, Educación Auditiva e Vocal e finalmente Improvisación e Taller de Música Moderna.

Pablo Moreda propuxo a Fabiola García a sinatura dun convenio para construír o centro de día

A conselleira de Política Social, Fabiola García Martínez, visitou onte a vila de Cedeira para comprobar o resultado da obra de ampliación da escola infantil, un proxecto financiado entre a Xunta de Galicia e o Concello no que foron investidos un total de 141.000 euros. García Martínez estivo acompañada do xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez.

O alcalde, Pablo Moreda Gil -acompañado polos concelleiros de Turismo, Carmela Prieto Cal; de Facenda e Servizos Económicos, Ocio e Tempo Libre, Manuel Martínez López, e de Cultura, Ermitas García- recibiu na escola infantil a titular de Política Social coa que, posteriormente, percorreu unhas instalacións nas que a diario acollen 49 nenos e nenas e ás que no mes de febreiro se incorporarán oito máis. O número de traballadoras ascende a 12.

Pablo Moreda aproveitou este encontro coa titular da Consellería de Política Social para darlle a coñecer o proxecto de nova construción dun centro de día que“cubra as necesidades dos veciños e veciñas de máis idade”, segundo apuntou o rexedor municipal.

Trátase dunha iniciativa que o goberno de Cedeira proxecta para acoller entre 25 ou 30 dependentes nun edificio dunha única planta situado nunha parcela municipal localizada na zona da antiga estación de autobuses. Dúas salas de rehabilitación, unha cociña, un almacén e un gran salón comedor son algúns servizos que incluirá o centro de día, que o goberno municipal considera prioritario para atender os 120 dependentes que existen en Cedeira e os doutros municipios limítrofes.

O alcalde falou da posibilidade de asumir unha parte da realización da obra, para o que propuxo a firma dun convenio, e tamén de buscar outras posibles axudas supramunicipais para garantir a execución dun proxecto que no seu día suscitou a recollida masiva de sinaturas, foron máis de 2.500, e para o que existe unha total unanimidade por parte de todas as formas políticas representadas na corporación. De feito, o goberno ten previsto invitar o resto dos grupos a participar na realización da proposta que no seu momento será remitida á Xunta de Galicia.

Pablo Moreda, que invitou a Fabiola García a asinar no libro de ouro do Concello, agradeceu a súa presenza no municipio e acordou con ela seguir en contacto para ver de que xeito se pode levar a cabo a realización do centro de día, para o que a conselleira de Política Social tamén se mostrou partidaria de buscar a colaboración económica da Deputación da Coruña.

Aviso de interrupción na subministración de electricidade

Naturgy informa:

Co fin de realizar os traballos de mantemento e desenvolvemento da rede eléctrica precisos para poder atender nas mellores condicións as necesidades de subministración da zona, informámolos de que os vindeiros día 11 e 12 de decembro de 2019, de 7:00 a 10:00 (día 11) e de 17:00 a 20:00 (dia 12) horas, deixaremos fóra de servizo unha serie de instalacións, o que pode provocar interrupcións na subministración de electricidade durante ese intervalo de tempo.

Zona afectada – Total ou parcial –:

ACEA. ALDEA ARVA. AREOSA. ALDEA ARRASA. ALDEA BARRAL. ALDEA BARROSAS. CALVARIO. CANCELO. ALDEA CARREIRO. CAMINO SAN ANTONIO. CERVETELO. ALDEA CHIMPARRA. CORREDOIRA -CERVO-. ALDEA CORVEIRO. ALDEA COVO. ALDEA EIRADO. ALDEA ESPASANTE. ALDEA ESPIÑAREDO. ALDEA FIGAREDO. ALDEA GOLMAR. GRAÑA. CARDOSA. LAMELAS. LAMELAS REGOA. ALDEA LUDIN. ALDEA MAGOIRA. ALDEA MALDE. ALDEA NEBRIL. ALDEA NOBAL. ALDEA RABADAN. ALDEA REMESAL. SAIÑAS. SALGUEIROS. ALDEA TRASMONTE. ALDEA VILACACIN. ALDEA VILAR. ALDEA VILAS.