Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

Cedeira aproba o plan de obras e servizos 2020, que inclúe cinco grandes proxectos cun investimento global de 565.000 euros

O pleno do Concello de Cedeira aprobou, cos votos a favor do PSOE e BNG, o Plan de Obras e Servizos 2020, que deixará un investimento conxunto de 565.150, 36 euros no municipio e a realización dun total de cinco proxectos. A sesión plenaria tivo carácter extraordinario e celebrouse antonte.

O alcalde, Pablo Moreda Gil, destacou a importancia dun plan que “axúdanos a cubrir as nosas necesidades pero tamén a construír unha Cedeira mellor” e defendeu as obras previstas por canto van nesa dirección.

Un dos grandes obxectivo cara ao próximo ano é a renovación integral da praza dos Cabalos, unha intervención que “transformará un lugar de encontro de persoas maiores nunha praza moderna que sirva de faladoiro, que sexa un espazo cuberto e que estea protexido tamén contra os ventos”, dixo o rexedor municipal.

A intervención prevista afectará a unha superficie de 585 metros cadrados e consistirá na reorganización das diferentes zonas existentes (peonil, axardinada e aparcadoiro), así como na instalación dunha pérgola cuberta con vidro e protexida no seu lado sur, na dotación dun novo mobiliario urbano e na substitución da actual iluminación por outras máis respectuosa con medio ambiente.

Os pavimentos da zona peonil serán de granito e tamén, en certos tramos, táctiles para o uso de persoas con discapacidade visual. As papeleiras serán selectivas e os bancos de madeira. No proxecto non se contempla a substitución dos magnolios existentes nas catro esquinas da praza, pero si unha revisión e actualización de toda a zona axardinada.

O goberno municipal tamén conta coa axuda económica da Deputación para dar continuidade a súa política de apostar pola tecnoloxía led, é dicir, maior vida útil a menor consumo e emisións contaminantes á atmósfera.

De cara aos próximos meses o executivo local ten previsto instalar un total de 912 lámpadas Led. A devandita cantidade distribuirase entre as sete parroquias. Así, na de San Román colocaranse nos lugares de Fragoso, Veciñeira, Baturro, Arón e Lodairo; na de Esteiro, en San Miguel, Igrexa, Laboreña, Cordobelas, Campo da Cruz, Campelo, Vilela, Edreiros, Porto do Cabo e Fonfría, entre outros, mentres que na de Piñeiro, será en Virizo, Agrochail, Ventosa, Xunqueira, O Beco e Peneiro. No caso da parroquia de Régoa, pasarán a ter iluminación Led os lugares das Pontigas, Barral, Rúa, Barrosas, Ervellás, Viriño, Lamelas e Meizoso, entre outros, así como en Santalla serán Magoira, Corredoira, Chímparra, Remesal, Covo, Transmonte e Espiñaredo. Por último, na parroquia de Cedeira os novos puntos Led situaranse en Vilacacín, San Isidro, Arba e Areosa e na de Montoxo, en Penela, Penica, Ferería, Vilarnovo, Mundín, Cheda, Carracedo e As Figueiras.

As tres actuacións coas que o goberno municipal busca contribuír a conservación do patrimonio local pasan pola renovación do pavimento de cor vermella da praza Roxa debido a súa deterioración, pola reparación da cuberta dos escolares de Saa e Sisalde Maior e para a substituír o chan da parte vella do cimiterio municipal.

O Concello de Cedeira convoca un taller de cine para a mocidade local

O Concello de Cedeira promove a celebración dun obradoiro de cine para aproximar a mocidade local ao sétimo arte coa elaboración de producións propias pero tamén como paso previo á celebración dun festival que se prevé cara ao próximo verán.

A iniciativa celebrarase os días 27, 28 e 29 do presente mes de decembro e vai dirixida á participación de mozas e mozos con idades comprendidas entre os 12 e 18 anos. Os interesados xa poden inscribirse nas oficinas do polideportivo municipal ou no correo electrónico manuel.martinez@ cedeira.es. O Centro de Ocio Xuvenil acollerá a actividade, que terá carácter gratuíto.

Desde o equipo de goberno destácase o contido do programa, por reunir todos aqueles aspectos que poden axudar aos participantes a desenvolver unha idea creativa, desde a súa concepción ata o seu resultado final. As clases serán dinámicas e prácticas.

Así, durante a primeira das xornadas crearase un filmaffinity (rede social dirixida a cineastas e amantes do cine) para compartir os gustos e opinións dos asistentes, proxectaranse escenas de películas para tomar contacto coa linguaxe do cine e abrirase así mesmo un debate para favorecer o intercambio de ideas. Este primeiro encontro desenvolverase en horario de mañá, de 10.00 a 14.00 horas.

Ao día seguinte, e co mesmo horario, os participantes coñecerán diferentes tipos de cámaras e as súas funcións, falarán de planos e crearán un guión que lles servirá de práctica cara ás gravacións que terán lugar ao día seguinte.

O curso finalizará o domingo 29, en horario de 10.00 a 18.00 horas, cun exercicio práctico no que quedarán recollidas as diferentes ideas do día anterior coa apropiación de vídeos recopilados en internet. Coa edición e a montaxe de todo o material rematará unha iniciativa coa que se pretende “meterlles ganas aos mozos e mozas de facer cousas por eles mesmos”, segundo apuntan desde o Concello.

O Castelo da Concepción estará aberto ao público ata o mes de febreiro

O Concello de Cedeira informa de que o castelo da Concepción estará aberto ao público, cando menos, ata o próximo mes de febreiro.

O executivo local recorda que se trata dunha construción defensiva, que a visita ten carácter gratuíto e que o horario de apertura é de martes a venres en horario de 12.00 a 17.00 horas e os sábados e domingos de 10.00 a 18.00 horas de forma ininterrompida en calquera de ambos os dous casos.

O equipo de goberno tamén informa de que a oficina de Turismo está a funcionar en horario de inverno, que é de luns a venres de 9.00 a 14.30 e os sábados de 10.00 a 14.00 horas. Trátase dun servizo gratuíto de información ao viaxeiro situado no palacete municipal e que foi un dos primeiros no ámbito comarcal.