Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O Concello de Cedeira convoca un taller de cine para a mocidade local

O Concello de Cedeira promove a celebración dun obradoiro de cine para aproximar a mocidade local ao sétimo arte coa elaboración de producións propias pero tamén como paso previo á celebración dun festival que se prevé cara ao próximo verán.

A iniciativa celebrarase os días 27, 28 e 29 do presente mes de decembro e vai dirixida á participación de mozas e mozos con idades comprendidas entre os 12 e 18 anos. Os interesados xa poden inscribirse nas oficinas do polideportivo municipal ou no correo electrónico manuel.martinez@ cedeira.es. O Centro de Ocio Xuvenil acollerá a actividade, que terá carácter gratuíto.

Desde o equipo de goberno destácase o contido do programa, por reunir todos aqueles aspectos que poden axudar aos participantes a desenvolver unha idea creativa, desde a súa concepción ata o seu resultado final. As clases serán dinámicas e prácticas.

Así, durante a primeira das xornadas crearase un filmaffinity (rede social dirixida a cineastas e amantes do cine) para compartir os gustos e opinións dos asistentes, proxectaranse escenas de películas para tomar contacto coa linguaxe do cine e abrirase así mesmo un debate para favorecer o intercambio de ideas. Este primeiro encontro desenvolverase en horario de mañá, de 10.00 a 14.00 horas.

Ao día seguinte, e co mesmo horario, os participantes coñecerán diferentes tipos de cámaras e as súas funcións, falarán de planos e crearán un guión que lles servirá de práctica cara ás gravacións que terán lugar ao día seguinte.

O curso finalizará o domingo 29, en horario de 10.00 a 18.00 horas, cun exercicio práctico no que quedarán recollidas as diferentes ideas do día anterior coa apropiación de vídeos recopilados en internet. Coa edición e a montaxe de todo o material rematará unha iniciativa coa que se pretende “meterlles ganas aos mozos e mozas de facer cousas por eles mesmos”, segundo apuntan desde o Concello.