Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

Aberto o proceso selectivo para a contratación dun director/a para a dirección artística e musical da Banda de Música Vila de Cedeira

A asociación cultural Banda de Música Vila de Cedeira abre un proceso selectivo para a contratación dun director/a para a dirección artística e musical da agrupación, con incorporación inmediata ó posto de traballo. O sistema será de concurso de méritos e entrevista.

Os interesados/as deberán estar en posesión do Título de Profesor/a Superior de Música en calquera das súas especialidades, así como demostrar experiencia como director/a de Banda. Valorarase estar en posesión de cursos relacionados co posto de traballo.

As persoas interesadas deberán remitir ó enderezo electrónico bandaviladecedeira@hotmail.com ou ó Apartado de Correos nº 41 C.P. 15350 Cedeira, antes do día 17 de febreiro de 2020 ás 14.00 horas.

Na seguinte ligazón poden consultarse as bases de contratación:

IR Á LIGAZÓN Bases para a contratación dun director/a para a dirección artística e musical

O partido “Amigable Internacional” entre o Cedeira SD e o Wsf All Star Miami Cup será o domingo 23

O equipo de fútbol Wsf All Star Miami Cup, de Miami, volverá a cruzar o Atlántico para non faltar á súa cita anual co club Cedeira SD. A convocatoria deste ano será o día 23, a partir das catro da tarde, nas instalacións municipais do Beco.

A entrada, que será gratuíta, dará a posibilidade de presenciar os tres partidos nos que ámbalas dúas formacións competirán nas categorías de cadetes, alevíns e xuvenís. Un total de 50 xogadores, acompañados de persoal técnico e directivo, forman parte da expedición, coa que se favorece o intercambio deportivo e se axuda a crear vínculos entre ambas comunidades.

Coa prevista para o domingo 23, xa serán tres as ocasións nas que a vila de Cedeira acollerá un partido “Amigable Internacional”.

O presidente do Cedeira SD, David Abella Bouza, invita á veciñanza e a afeccionados ao fútbol de toda a comarca en particular a secundar coa súa presenza unha iniciativa para a que o equipo local conta coa axuda do Concello e da Deputación.

Cedeira convida á veciñanza a facer coplas para despedir o entroido 2020

O Concello de Cedeira convoca a veciños/as do municipio e da comarca en xeral a encher de sátira, aínda que sen caer nin na linguaxe sexista nin soez, as coplas coas que a localidade clausurará as celebracións de Entroido. As persoas interesadas teñen de prazo ata o día 26 para mandalas ao correo electrónico enrique.vazquez@cedeira.gal. Tamén quedarán excluídos os versos nos que haxa insultos ou ameazas.

A festa de despedida será o sábado día 29, dará comezo ás 19.00 hora e terá como punto de partida a praza da Marieta. Desenvolverase o tradicional desfile polas rúas da vila e o Entroido retamará no auditorio coa lectura das coplas, que poden ser lidas pola persoa autora se así o desexa.

A organización alenta aos participantes no desfile a vestir de rigoroso loito e a poñer de manifesto a súa dor con sentidas choromicadas durante o funeral.