Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

O Goberno de Cedeira invita á veciñanza a participar no acto de homenaxe a Rosalía de Castro

O Concello de Cedeira organiza un acto público con motivo do aniversario do nacemento de Rosalía de Castro (24-2-1837). A iniciativa será o próximo luns e consistirá na lectura dalgunhas das obras da escritora de Padrón por parte dos asistentes. A fachada da biblioteca adornada coa faciana da ilustre poeta galega acollerá a celebración dun encontro que dará comezo ás 12.00 horas.

O equipo de goberno invita á veciñanza, maiores e pequenos, a tomar parte unha cita coa que se quere recordar a obra literaria de Rosalía pero tamén render homenaxe a unha muller adiantada ao seu tempo en canto aos dereitos do colectivo feminino e á persoa que, xunto a Curros Enríquez e Eduardo Pombal, deron lugar ao “Rexurdimento galego”.

A Asociación Amas de Casa de Cedeira concede a Guadi Galego o premio Muller do Ano 2020

“Por nacer aquí e por loitar e romper moldes e barreiras para dedicarse a súa paixón, a música, ata convertela no seu éxito de vida”. Son só algúns dos razoamentos utilizados pola Asociación Amas de Casa de Cedeira para concederlle o premio Muller da Vila á cantante Guadi Galego.

Lucía Villar –patroa maior da Confraría- e Tucha Rodríguez -coñecida pola súa loita contra a droga- foron as anteriores homenaxeadas cun premio que naceu con motivo do 8 de marzo pero que ten a mirada posta nas mulleres da localidade que, co seu traballo e dedicación, contribúen ou contribuíron a facer de Cedeira o que agora é.

A entrega do premio a Guadi Galego será o día 14 de marzo no transcurso dunha comida que terá lugar no restaurante Badulaque e que está aberta á participación das persoas que desexen sumarse á homenaxe público a unha veciña “que se inspira en Cedeira para falar, a través das letras das súas cancións, de mulleres loitadoras, matriarcas, activistas, amorosas e poderosas”.

A asistencia suporá un gasto de 20 euros para as socias e de 23 para o público en xeral. Os interesados xa poden chamar ao número 649 703 998. As prazas son limitadas.

O goberno de Cedeira aplaude a decisión e felicita a Guadi Galego por “este máis que merecido galardón, polo seu compromiso coa música, a cultura, o idioma galega, pola súa loita a prol da igualdade e por ser a mellor embaixadora de Cedeira”.

Guadi Galego (Cedeira, 1974) iniciouse no mundo da música como gaiteira, pianista e vocalista do grupo Berrogüeto. A súa carreira en solitario comezou no 2009 co o seu primeiro traballo discográfico, chamado “Benzón”. Terían que pasar cinco anos ata a volta de Guadi Galego ao mercado discográfico con “Lúas de outubro” e case seis ata “inmersión”, que consiste nunha reinterpretación da súa propia música.

Exposición do censo electoral para as eleccións municipais

Ante a vindeira convocatoria de Eleccións ao Parlamento de Galicia 2020, e en cumprimento da Lei Orgánica 5/1985 do Réxime Electoral Xeral, de 19 de xuño, o Concello de Cedeira manterá un servizo de consulta do Censo Electoral e permanecerá exposta ao público a relación de Mesas e Colexios Electorais deste Municipio do 17 ao 21 de febreiro do 2020 de 9.00 a 14.00 horas.

A consulta do Censo Electoral levarase a cabo de forma presencial, polo propio/a interesado/a, acreditándose mediante DNI, pasaporte, ou permiso de conducir no que apareza a fotografía do/a titular.

Non obstante, poderá exercer o seu dereito á consulta a través dos teléfonos da Oficina do Censo Electoral: 981 27 74 39, 981 21 74 26, 901 101 900

Advírtese da conveniencia de consultar as listas electorais por aquelas persoas que cumpriron recentemente 18 anos de idade, así como os que cambiaron de enderezo nos últimos meses.

Dentro do prazo indicado calquera persoa poderá formular reclamacións sobre os seus datos censais. As reclamacións poderán presentarse directamente na Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral ou a través deste Concello, onde tamén se lles facilitarán os correspondentes impresos de reclamacións.