Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

MARÍA RIVAS DESTACA O COMPROMISO DO CONCELLO DE CEDEIRA NA LOITA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, desprazouse onte ata o concello de Cedeira para presidir, xunto co alcalde Pablo Moreda, a constitución da Mesa de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero no municipio. Alí destacou que Cedeira é “un concello comprometido que fai uso de todas as ferramentas que o Goberno pon á súa disposición para combater esta lacra” e con el son xa 41 os concellos da provincia da Coruña que xa traballan con Mesas de Coordinación Interinstitucional.

Para a subdelegada, a peza chave para conseguir unha sociedade igualitaria e unha cidadanía concienciada e sensibilizada en materia de violencia de xénero é a colaboración entre as administracións e institucións. “Desde o Goberno temos o compromiso de protexer e axudar a todas e cada unha das mulleres que sufriron e sofren este tipo de violencia, e para iso, as administracións e institucións temos que traballar da man, para previr e detectar casos de violencia e por suposto para combatelos” sinalou Rivas.

Lembrou que na provincia da Coruña existen actualmente 2.194 casos activos de violencia de xénero no sistema VioGén que contan con algún tipo de protección por parte das Forzas e Corpos de Seguridade. “Desde o Goberno imos continuar traballando para ofrecer ás vítimas e as súas familias todos os recursos dispoñibles e a mellor protección, xa que toda muller merece ser libre”.

María Rivas agradeceu a Pablo Moreda, así como aos alcaldes e alcaldesas dos outros 40 concellos da provincia da Coruña que contan cunha Mesa de Coordinación Interinstitucional, a súa colaboración na loita contra a violencia de xénero. “Con esta constitución damos un paso máis a favor dunha sociedade máis igualitaria e poñemos a disposición de todas as mulleres os recursos necesarios para acompañalas e protexelas da súa situación”.

Nesta mesma liña, a subdelegada animou a todos os concellos da provincia da Coruña que contan con Policía Local a adherirse ao Sistema VioGen, e lembrou que xa son 21 os concellos que forman parte deste sistema de protección de vítimas de violencia de xénero, e 3 se encontran en proceso de inclusión.

Sesión constitutiva

Nesta primeira sesión de constitución da mesa de Cedeira abordáronse cuestións como os obxectivos a seguir e as normas de funcionamento, entre outras. A función prioritaria deste órgano é ofrecer ferramentas para traballar na prevención, a detección precoz de casos de violencia machista e dar unha resposta áxil ás vítimas, así como para a súa protección. “É unha ferramenta fundamental para combater a violencia machista e debemos de sacarlle o máximo proveito, desde as propostas, a análise, a implicación, a colaboración e o traballo”, sinalou Rivas.

A mesa de coordinación de Cedeira conta con representantes de todos os ámbitos implicados, tanto directa como indirectamente, na loita contra a violencia de xénero e a protección das vítimas. Así, a mesa está integrada por efectivos da Policía Local, da Garda Civil, dos servizos sociais municipais, centro de saúde e centros escolares. A subdelegada aproveitou para agradecer a implicación das Forzas e Corpos de Seguridade cuxo labor “é un pilar fundamental na protección das vítimas e das súas familias e na loita contra a violencia de xénero”.

Desde 2018, o concello de Cedeira percibiu un total de 30.989,74 euros en materia do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero para o desenvolvemento de actividades para a prevención e sensibilización nesta materia, forma parte do sistema Viogén e tamén acolleu en 2022 a MAVI, a maleta viaxeira contra a violencia de xénero.

O CONCELLO TRAMITA AXUDAS POR MÁIS DE 100.000€ PARA A MELLORA DE DOTACIÓNS E EQUIPAMENTOS MUNICIPAIS

A Xunta de Goberno do Concello de Cedeira aprobou recentemente a solicitude de varias subvencións, todas dirixidas á mellora de equipamentos e servizos municipais. Destaca unha destinada ao arranxo de camiños rurais, do Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (Feader), que ascende a 77.646,7€, á que se suman outras para a compra de libros para a biblioteca, para a mellora da iluminación do Auditorio e para a realización dunha auditoría ao servizo de abastecemento. En total, a través destes catro programas de subvencións que o Concello vai tramitar diante de diferentes administracións, Cedeira espera obter 101.045,91€.

O proxecto para camiños rurais, que se vai financiar cos fondos Feader ao abeiro do Programa de Desenvolvemento Rural da Agader, vai dirixido á mellora da capa de rodadura de diferentes pistas de titularidade municipal. Concretamente, Cedeira recibe 64,174€ de axudas deste programa, e o Concello aporta o que resta ata cubrir os 77.646,7€ que custa toda a intervención. Arranxaranse o camiño de Meizoso a Biduido, que chega ao límite con Ortigueira, e o ramal que conecta Meizoso coa DP 2205. Ademais de darlles a estas pistas dúas capas de rego asfáltico, vanse corrixir os bordes do firme á saída da aldea de Meizoso para que a plataforma recupere o seu ancho, e tamén canalizarase un regato na zona da Candocia cunha cuneta formigonada e transitable.

Xunto coa solicitude desta subvención, o goberno local de Cedeira está a tramitar outra axuda de 3.500€ para mercar novos libros e publicacións para a biblioteca municipal -1.500€ para novidades editoriais en galego e o resto, en xeral, para a mellora das coleccións bibliográficas do servizo-.

Tamén solicitouse unha achega de 11.692,84€ á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, ao abeiro dun programa para equipamento e mellora das instalacións e locais empregados para a celebración de actividades culturai. O Concello de Cedeira prevé empregar esta axuda, máis outros 12.170,10€ de fondos municipais, para levar adiante un proxecto de mellora da iluminación e o son no Auditorio Municipal. En total, a actuación ten un orzamento de 23.862,94€.

Por último, o Concello de Cedeira está a tramitar outra axuda, de 8.206,50€, para a realización por parte da empresa Viaqua dunha auditoría do abastecemento de auga, dirixida a minimizar as perdas de auga.

O CONCELLO PROXECTA A MELLORA E INTEGRACIÓN PAISAXÍSTICA DOS ESPAZOS AXARDINADOS DO PALACETE

O goberno local de Cedeira proxecta unha actuación nos espazos axardinados do Palacete, o inmoble municipal que alberga a Oficina de Turismo e a exposición permanente da Colección Rafael Usero, para a súa mellora e integración paisaxística. O Concello está a tramitar as axudas do Fondo de Compensación Ambiental para abordar esta actuación, orzamentada en 44.994,72€, e tamén a compra de 30 novas papeleiras que se instalarán na mesma zona cun custo de 2.178€. A mesma convocatoria servirá para a contratación de cinco peóns e un técnico de Medio Ambiente durante tres meses.

As zonas verdes que están no recinto do Palacete suman unha superficie de 927 metros cadrados. A actuación vai substituír as actuáis plantas, en mal estado, por novos arbustos e árbores. Previamente vaise preparar o terreo para instalar un sistema de rego e tepe, así como unha malla antiherbas e corteza de piñeiro que facilitarán o mantemento destes espazos. Instalarase tamén un bordillo de adoquín de cemento separando o linde entre os macizos e o céspede. Na mesma actuación incluirase a devandita compra e instalación de 30 papeleiras.

O Fondo de Compensación Ambiental, que convoca a Xunta cada ano para actuacións de investimento e xeradoras de emprego ligadas ao coidado do espazo natural, será empregado pola administración local de Cedeira para a rexeneración deste espazo verde, na contorna da Oficina de Turismo, e para a contratación de seis peroas durante tres meses –cinco peóns e un técnico de Medio Ambiente-. O investimento ten un orzamento de 47.172,72€ e os custos laboráis suman 41.484,6€.