Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO TRAMITA AXUDAS POR MÁIS DE 100.000€ PARA A MELLORA DE DOTACIÓNS E EQUIPAMENTOS MUNICIPAIS

A Xunta de Goberno do Concello de Cedeira aprobou recentemente a solicitude de varias subvencións, todas dirixidas á mellora de equipamentos e servizos municipais. Destaca unha destinada ao arranxo de camiños rurais, do Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (Feader), que ascende a 77.646,7€, á que se suman outras para a compra de libros para a biblioteca, para a mellora da iluminación do Auditorio e para a realización dunha auditoría ao servizo de abastecemento. En total, a través destes catro programas de subvencións que o Concello vai tramitar diante de diferentes administracións, Cedeira espera obter 101.045,91€.

O proxecto para camiños rurais, que se vai financiar cos fondos Feader ao abeiro do Programa de Desenvolvemento Rural da Agader, vai dirixido á mellora da capa de rodadura de diferentes pistas de titularidade municipal. Concretamente, Cedeira recibe 64,174€ de axudas deste programa, e o Concello aporta o que resta ata cubrir os 77.646,7€ que custa toda a intervención. Arranxaranse o camiño de Meizoso a Biduido, que chega ao límite con Ortigueira, e o ramal que conecta Meizoso coa DP 2205. Ademais de darlles a estas pistas dúas capas de rego asfáltico, vanse corrixir os bordes do firme á saída da aldea de Meizoso para que a plataforma recupere o seu ancho, e tamén canalizarase un regato na zona da Candocia cunha cuneta formigonada e transitable.

Xunto coa solicitude desta subvención, o goberno local de Cedeira está a tramitar outra axuda de 3.500€ para mercar novos libros e publicacións para a biblioteca municipal -1.500€ para novidades editoriais en galego e o resto, en xeral, para a mellora das coleccións bibliográficas do servizo-.

Tamén solicitouse unha achega de 11.692,84€ á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, ao abeiro dun programa para equipamento e mellora das instalacións e locais empregados para a celebración de actividades culturai. O Concello de Cedeira prevé empregar esta axuda, máis outros 12.170,10€ de fondos municipais, para levar adiante un proxecto de mellora da iluminación e o son no Auditorio Municipal. En total, a actuación ten un orzamento de 23.862,94€.

Por último, o Concello de Cedeira está a tramitar outra axuda, de 8.206,50€, para a realización por parte da empresa Viaqua dunha auditoría do abastecemento de auga, dirixida a minimizar as perdas de auga.