Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

O CONCELLO PON EN MARCHA UN ANO MÁIS OS ROTEIROS GUIADOS “DESCOBRE CEDEIRA”

Este xoves, día 1 de xullo, inaugúrase unha nova edición do programa de roteiros “Descobre Cedeira”, co que o Concello pretende facilitar á propia veciñanza e aos visitantes un mellor coñecemento do patrimonio natural e da historia da vila a través duns percorridos guiados por algúns dos seus lugares máis emblemáticos. Como en anos anteriores, hai tres rutas diferentes que se irán alternando os martes e xoves entre o 1 de xullo e o 2 de setembro: a “dos Tesouros”, a de Santo André de Teixido e o itinerario pola Vila de Cedeira.

O programa inaugúrase co roteiro a Santo André de Teixido, que será os días 1, 8, 15, 22 e 27 de xullo, e os días 5, 12, 19, 26 de agosto e 2 de setembro. O itinerario comeza na igrexa de Régoa e ten unha dificultade media. As persoas participantes teñen que levar a comida, porque o percorrido comeza ás 10.00 horas e remata ás 17.00 horas.

A seguinte ruta será a da “Vila de Cedeira”, de nivel moi doado e con saída desde a Oficina de Turismo. Neste caso, en horario de 10.00 a 14.00 horas, a guia turística levará ao grupo de participantes polo casco vello, chegará ata a capela de San Antón e logo irá ao xacemento arqueolóxico do Sarridal. Este percorrido farase os días 6 e 20 de xullo e o 3, 17 e 31 de agosto.

O roteiro “dos Tesouros”, por último, está tamén ao alcance de calquer camiñante. A saída tomarase desde a Oficina de Turismo ás 10.00 horas e o remate será ás 14.00 horas. Este percorrido vai polo paseo marítimo ata o faro da Robaleira.

As persoas interesadas poden informarse ou inscribirse de xeito gratuíto a través da Oficina de Turismo, en persoa ou a través de mail -mar.lopez@cedeira.es- ou teléfono -981 482 187-.

MÁIS DE 80 RUTAS PARA DESCUBRIRMOS A EXCEPCIONALIDADE XEOLÓXICA DO NOSO TERRITORIO

Entre xullo e setembro desenvolveranse máis de 80 xeorrutas que ofrecen unha visión moi detallada das especificidades de toda a área do ámbito do proxecto. As primeiras desenvolveranse esta fin de semana por Cedeira, San Sadurniño e Moeche. Pero hai máis, moitísmas máis, algunhas delas desde o mar.

O catedrático en Xeoloxía Francisco Canosa volverá a estar un ano máis á fronte destas experiencias, que favorecen o coñecemento do territorio e están pensadas para familias e afeccionados á natureza e espazos ao aire libre.

Para participar nestas rutas -na súa maioría de dificultade baixa- cómpre prestarlle atención ao calendario publicado en Google Calendar con todas as datas, onde figuran as ligazóns aos formularios de reserva que adoitan activarse 15 días antes. Cómpre andar con lixeireza, posto que as prazas son limitadas e adoitan esgotarse ás poucas horas de abrir as inscricións.

Para máis información visita a seguinte ligazón:

Máis de 80 rutas para descubrirmos a excepcionalidade xeolóxica do noso proxecto