Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

O CONCELLO VAI IMPLANTAR UN SISTEMA DE MEDICIÓN DA CALIDADE DO AIRE NOS EDIFICIOS MUNICIPAIS

O Concello de Cedeira vai implantar un sistema de medición da calidade do aire nos edificios municipais, unha ferramenta que entre outras cousas vai permitir facer unha xestión máis eficiente dos sistemas de climatización e ventilación de cada un deles. O orzamento é de 13.565€ (IVE incluído) e o sistema os sensores que recollerán os datos e o despregue dunha rede de comunicación que permitirá ler en tempo real, desde un portal web, os niveis de monóxido de carbono, dióxido de carbono, partículas, temperatura, humidade e outros parámetros. O goberno local contratou a unha empresa local, Xenética IoT, para este traballo.

Desde o goberno local de Cedeira recordan que é unha prioridade camiñar cara a un concello sostible, eficiente enerxeticamente e comprometido co medio ambiente. Neste marco, o sistema de control da calidade do aire vai permitir coñecer en tempo real o estado de calidade ambiental de cada edificio municipal, detectando situacións de risco ambiental que puideran influír na transmisión dunha enfermidade como o Covid 19, por exemplo, ou momentos de exceso ou falla de calefacción. A recepción da información en tempo real vai facilitar a toma de decisións para corrixir as ineficiencias e favorecerá, en definitiva, o maior confort das persoas usuarias de cada un dos servizos municipais.

A ferramenta funcionará tamén como detectora dun posible risco de incencio, cando recolla datos sobre unha brusca concentración de gases e partículas que darán lugar a unha sinal de alarma. O sistema que se vai implantar cumpre cos estándares de calidade europeos.

O CONCELLO DE CEDEIRA SÚMASE Á XESTIÓN COMPARTIDA DO CENTRO DE DESENVOLMENTO RURAL A FUSQUENLLA

A Xunta de Goberno do Concello de Cedeira aprobou recentemente o convenio de colaboración para sumarse á xestión compartida do Centro Comarcal de Apoio ao Emprendemento e ao Desenvolvemento Rural A Fusquenlla. O servizo contou nos seus primeiros anos, desde 2018, co respaldo dos municipios de Cerdido, Moeche, San Sadurniño e Valdoviño, aos que agora se sumarán Cedeira e Fene.

O centro A Fusquenlla está situado no recinto feiral de Moeche. É un espazo creado para facilitar que as persoas que teñen unha pequena explotación agraria ou apícola poidan contar con instalacións e maquinaria axeitada para transformar os seus excedentes, ben sexa para o autoconsumo ou para a venda. Forma parte da Rede Provincial de Espazos Colaborativos de Traballo e boa parte da súa actividade está orientada á formación. De feito, para poder producir nas instalacións é preciso facer un curso sobre hixiene, trazabilidade alimentaria, seguridade e manexo do equipamento.

Os custes do funcionamento do centro, descontados os ingresos polas taxas que pagan as persoas usuarias e as subvencións, repártense a partes iguais entre os concellos colaboradores. O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, destacou que o Concello quere contribuír ao desenvolvemento local participando na xestión destas instalacións, que no tempo que levan funcionando xa teñen amosado o seu interese para o emprendemento. Segundo dixo, son varias as persoas de Cedeira que empregan o centro e o seu equipamento para procesar os seus produtos.

Moreda subliñou tamén que os obxectivos e a filosofía do centro A Fusquenlla concorda plenamente coa estratexia do Xeoparque Cabo Ortegal de promover o desenvolvemento sostible do territorio. Do éxito das instalacións fala o bo número de produtores e produtoras que as empregan para preparar as súas conservas con vexetais de horta ou froita, zumes, marmeladas, mel, etc, e a lista de espera que teñen os seus cursos de formación.

A CABALGATA DE PAPÁ NOEL VISITARÁ CEDEIRA ESTE SÁBADO

O trineo de Papá Noel comezará o seu percorrido por Cedeira este sábado, día 23, ás 18.00h desde o Centro de Saúde, desde onde encabezará unha cabalgata co famoso Rudolf, varios elfos, o Grinch e outros personaxes navideños. A comitiva, un ano máis organizada por Protección Civil, realizará un percorrido polas principais rúas do casco urbano de Cedeira, con animación musical e lanzando caramelos aos nenos e nenas que atopen ao seu paso. O paseo rematará na sala Áncora, na praza Roxa, onde Papá Noel recibirá ás crianzas que queiran entregarlle persoalmente as súas cartas.

Xa este venres, día 22, inaugurarase o parque de xogos que o Concello abre para as festas de Nadal no Polideportivo Municipal. De 16.30 a 20.30h, todos os días ata o 4 de xaneiro agás os festivos, haberá inchables e outras actividades a cuberto neste espazo. O sábado 23, o mesmo día da cabalgata de Papá Noel, funcionará o parque de xogos tamén pola mañá, de 11.30 a 14.00h. Xa despois dos festivos, os xogos volverán a abrir o martes 26, sempre con entrada de balde.