Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA SÚMASE Á XESTIÓN COMPARTIDA DO CENTRO DE DESENVOLMENTO RURAL A FUSQUENLLA

A Xunta de Goberno do Concello de Cedeira aprobou recentemente o convenio de colaboración para sumarse á xestión compartida do Centro Comarcal de Apoio ao Emprendemento e ao Desenvolvemento Rural A Fusquenlla. O servizo contou nos seus primeiros anos, desde 2018, co respaldo dos municipios de Cerdido, Moeche, San Sadurniño e Valdoviño, aos que agora se sumarán Cedeira e Fene.

O centro A Fusquenlla está situado no recinto feiral de Moeche. É un espazo creado para facilitar que as persoas que teñen unha pequena explotación agraria ou apícola poidan contar con instalacións e maquinaria axeitada para transformar os seus excedentes, ben sexa para o autoconsumo ou para a venda. Forma parte da Rede Provincial de Espazos Colaborativos de Traballo e boa parte da súa actividade está orientada á formación. De feito, para poder producir nas instalacións é preciso facer un curso sobre hixiene, trazabilidade alimentaria, seguridade e manexo do equipamento.

Os custes do funcionamento do centro, descontados os ingresos polas taxas que pagan as persoas usuarias e as subvencións, repártense a partes iguais entre os concellos colaboradores. O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, destacou que o Concello quere contribuír ao desenvolvemento local participando na xestión destas instalacións, que no tempo que levan funcionando xa teñen amosado o seu interese para o emprendemento. Segundo dixo, son varias as persoas de Cedeira que empregan o centro e o seu equipamento para procesar os seus produtos.

Moreda subliñou tamén que os obxectivos e a filosofía do centro A Fusquenlla concorda plenamente coa estratexia do Xeoparque Cabo Ortegal de promover o desenvolvemento sostible do territorio. Do éxito das instalacións fala o bo número de produtores e produtoras que as empregan para preparar as súas conservas con vexetais de horta ou froita, zumes, marmeladas, mel, etc, e a lista de espera que teñen os seus cursos de formación.