Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

GASTROMAR CEDEIRA

Un proxecto para a posta en valor do sector mariñeiro a través de actividades de sensibilización para todos os públicos.

O proxecto denominado como «GASTROMAR Cedeira: promoción do consumo do produto mariñeiro local» foi presentado polo Concello de Cedeira o pasado mes de outubro á convocatoria 2023 para as axudas para proxectos ao amparo da estratexia de desenvolvemento local participativo (EDLP), aprobada polo GALP A Mariña – Ortegal, no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (2021 – 2027). Tras a resolución provisional favorable do propio GALP, o proxecto espera a resolución definitiva da Consellería do Mar.

O Concello de Cedeira ven de xestionar en anos anteriores diferentes proxectos GALP como «PescarturAcción», «Emprendepesca» (proxecto conxunto cos Concellos de Cariño e Valdoviño), «Cedeira Mar», «Cedeira Mariñeira» e «Cedeixura» (proxecto colaborativo coa Confraría de Pescadores de Cedeira).

«GASTROMAR Cedeira» é unha iniciativa para a revalorización do sector mariñeiro a través de actividades orientadas a diferentes públicos. Entre estas actividades atópanse: as aulas mariñeiras para o alumnado de primaria e secundaria dos centros educativos locais, nas que se traballaran a través de sesións na escola e saídas ao territorio o consumo responsable, o peso económico do sector pesqueiro e a biodiversidade; guiados de rutas para o público xeral, de dificultade baixa e accesibles; exposicións exteriores sobre as xentes do mar, a gastronomía, o coidado e conservación do medio ou o consumo responsable; sesións formativas de cociña mariñeira para profesionais da hostalería local para o aproveitamento do produto e subproduto e a sensibilización sobre a emerxencia climática, e tamén, accións de comunicación para a difusión das actividades do proxecto.

O proxecto «GASTROMAR Cedeira: promoción do consumo do produto mariñeiro local» foi impulsado polo Concello de Cedeira para financiación do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, a través das axudas outorgadas polo GALP A Mariña – Ortegal na convocatoria 2023.

A EXPERIENCIA DOS ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS DE CEDEIRA, NAS XORNADAS DE CIDADES AMIGAS DA INFANCIA

Carme López López, Mailén Marín Fernández e Martín Gutiérrez Couto representaron este mércores ao Consello Local de Infancia e Adolescencia de Cedeira nas V Xornadas Formativas de Cidades Amigas da Infancia que se celebrou en Santiago de Compostela, organizadas pola EGAP e Unicef. Os tres tomaron a palabra para expoñer a experiencia do desenvolvemento dos orzamentos participativos na súa vila, unha tarefa que o Concello pon cada ano en mans de alumnado de Secundaria do IES, nunha mesa na que tamén interviron representantes de entidades homólogas de Moeche e Viveiro.

Na súa intervención, Carme López, Mailén Marín e Martín Gutiérrez explicaron o proceso de desenvolvemento dos orzamentos participativos de Cedeira e o interesante que resultou coñecer como é a tramitación de calquera actuación por parte dunha administración local, “e ver que pode resultar máis complicado do que parece nun principio”. Expresaron tamén a emoción de ver que o esforzo realizado na elaboración destes presupostos deu froitos reais, “porque quen vai cambiar o mundo se non o fai a xuventude?”.

O CLIA de Cedeira, recén constituído o pasado novembro, participara tamén este mes no Foro da Infancia que Unicef celebrou no Parlamento de Galicia.

ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA O PROGRAMA INTEGRADO DE EMPREGO DA MANCOMUNIDADE DE CONCELLOS DA COMARCA DE FERROL 2023 – 2024

Financiado pola Consellaría de Emprego e Igualdade e mais polo Ministerio de Traballo e Economía Social, está organizado pola Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol.

Dirixido a:

  • Mulleres dos concellos de Ares, Cabanas, Cedeira, Fene, Mugardos, Narón, Neda e Valdoviño que estean desempregadas e inscritas na oficina de emprego.
  • Os colectivos que se atenderán son mulleres desempregadas dos concellos citados que estean nalgunha das seguintes situacións:
    • Muller desempregada, en xeral
    • Con discapacidade
    • En risco de exclusión social ou beneficiarias do tramo de inserción da RISGA
    • Vítima de violencia de xénero
    • Menores de 30 anos co baixa cualificación

Accións que se desenvolverán (entre outras):

  • Información, orientación e asesoramento
  • Formación para o emprego: Limpeza industrial, Comercio e loxística, Cociña, Agricultura ecolóxica, Xestión de comunidades virtuais e Preelaboración e venda de peixes, crustáceos e mariscos. Ademais desta formación podería impartirse outra relacionada con outras ocupacións (dependendo, entre outros aspectos, do perfil e preferencias das usuarias seleccionadas).
  • Formación transversal (talleres de Busca de emprego, Manipulación de alimentos, Habelencias sociais, Alfabetización informática, Internet e redes sociais, Ferramentas de coaching, Inglés…
  • Prospección empresarial
  • Emparellamento de ofertas de traballo coas demandantes
  • Prácticas profesionais non laborais en empresas

Bolsa de 10€ por día de asistencia ás accións

Medidas de conciliación

Obxectivo de inserción: 35%

Máis información en https://comarcaferrolterra.wordpress.com/

Prazo: ate o 12 de xaneiro de 2023