Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

PUBLICADA HOXE NO DOGA AS AXUDAS DE AUTOCONSUMO/ALMACENAMENTO PARA EMPRESAS

Beneficiarios: Transporte, comercio, hostelería y servicios (CNAE – G, H, I, J, K, L, M, N, O, P, Q, R ou S)

a) Persoas xurídicas e agrupacións de empresas ou de persoas físicas, con ou sen personalidade xurídica, que realicen unha actividade económica pola que ofrezan bens ou servizos no mercado, incluíndo, entre outros:
1º. Os xestores de polígonos industriais, de natureza pública ou privada.
2º. As empresas explotadoras, arrendatarias ou concesionarias de actuacións no ámbito da enerxía.
3º. As empresas de servizos enerxéticos (ESE), ou provedores de servizos enerxético
b) As comunidades de enerxías renovables e as comunidades cidadás de enerxía

Prazo: Inicia ás 9.00 horas do día 21-10-2021 (ata 31/12/2023)

Actuacións:

Programa de incentivos 1: instalacións de autoconsumo renovable fotovoltaica e eólica (+ almacenamiento) sector servicios
Programa de incentivos 2: instalacións de autoconsumo renovable fotovoltaica e eólica (+ almacenamiento) outros sectores
Programa de incentivos 3: almacenamento en instalacións xa existentes

Importe axuda: pode oscilar entre 15% y el 65% (Axuda base+axuda adicional por perfil solicitante, instalación ou reto demografico).

 

Máis información na seguinte ligazón:

Descarga PDF RESOLUCIÓN do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes aos programas incentivos 1, 2 e 3 vencellados ao autoconsumo e ao almacenamento no sector servizos e noutros sectores produtivos, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia europeo (código de procedemento IN421W)

OITO NEGOCIOS LOCAIS PARTICIPARÁN NAS XORNADAS GASTRONÓMICAS RECEITAS PESCA DE COSTA PARA POÑER EN VALOR OS PRODUTOS MARIÑOS DE CEDEIRA

O proxecto “Pesca de Costa”, actuación conxunta na que participan a Confraría de Pescadores de Cedeira e o Concello de Cedeira, ten como obxectivo visibilizar a calidade diferencial da pesca de baixura e do marisqueo, implicando neste cometido o sector hostaleiro da propia vila.

Esta iniciativa pon en relación os dous sectores económicos máis relevantes de Cedeira, o pesqueiro e o hostaleiro, poñendo en marcha unhas xornadas gastronómicas que terán lugar do 9 ao 12 de outubro.

En oito locais hostaleiros poderanse degustar as receitas “Pesca de Costa” elaboradas con produtos capturados no día. Algunhas das suxerencias son: pescada de volanta cociñada de diferentes maneiras (con salmón, salsa de queixo e caviar de algas, en caldeirada e acompañada de xurelo e cabracho ou en salsa verde, por exemplo); ostras ao forno con lima; polbo en ensalada temperá con fresas, amorodos e lagostinos; luras da ría fritidas; ou un peixe sapo á cedeiresa.

Os negocios de hostalería local que participan nesta promoción son O Amanexo, A Xunqueira, Vila Vella, O Castro, Brisa, Taberna do Jojo, Badulaque e Kilowatio. Nos seus locais disporase un código QR a través do cal se poderá ver o vídeo da receita que cada establecemento promociona e propón probar aos seus comensais.

As oito receitas tamén estarán dispoñibles no Facebook e na canle de Youtube da Confraría de Pescadores de Cedeira.

O propósito destas xornadas é poñer en valor a calidade diferencial do produto da costa de Cedeira, o seu valor nutricional, a sustentabilidade da súa captura e a trazabilidade do produto dende que se pesca ou extrae ata que se pon no prato. Con todos eses atributos quérese promover o seu consumo tanto na poboación local como nos visitantes da vila.

O CONCELLO DE CEDEIRA DÓTASE DO SEU PRIMEIRO PLAN DE IGUALDADE DE OPORTUNIDADES ENTRE MULLERES E HOMES

O Concello de Cedeira conta xa co seu I Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes, un documento que o pleno da corporación aprobou por unanimidade e que o goberno local presentou cualificándoo como “un dos logros máis importantes deste mandato”. A concelleira Carmela Prieto explicou que esta “é unha ferramenta coa que avanzar nos vindeiros anos cara a unha equidade de xénero real e efectiva”.

A concelleira Carmela Prieto agradeceu a colaboración de todas as persoas implicadas na elaboración do Plan de Igualdade. Tanto na fase de diagnóstico como na definición de propostas, o traballo foi aberto e participativo. Creáronse mesas de traballo con persoal do propio Concello, con representantes políticos, co tecido asociativo, coa comunidade educativa e tamén con veciñas que quixeron colaborar e participar. “Deste proceso resultou un programa de acción que debuxa a situación na que estamos e marca estratexias e obxectivos, unha completa folla de ruta para avanzar de aquí ao ano 2024”, explicou a concelleira.

Así, o Plan de Igualdade de Cedeira identifica un total de 49 accións en seis eidos diferentes: a propia administración municipal; a educación e a mocidade; o emprego e a formación; o benestar social, a conciliación e a corresponsabilidade; a participación social, a cultura e os deportes; e a prevención e atención integral da violencia machista. Entre ditas accións, por exemplo, encóntranse o desenvolvemento de campañas para a posta en valor das mulleres traballadoras, a revisión das taxas municipais desde un enfoque de xénero, a posta en marcha dunha escola de familias para promover a coeducación ou a creación dun Punto Violeta no ocio nocturno e nas festas. Unha destas propostas xa está feita: o curso de formación para o persoal municipal.

Para traballar no Plan de Igualdade, crearase unha comisión permanente, que celebrará reunións como mínimo cada seis meses. Nela participan concelleiros e concelleiras da corporación, o comité de empresa e técnicos/as das diferentes áreas de xestión do Concello, para garantir que os avances se aplican de maneira transversal e chegan a todos os eidos de actividade.

Carmela Prieto expresou a satisfacción de todo o goberno municipal pola elaboración e posta en marcha do plan, culminación dunha política xa iniciada no anterior mandato e dirixida a contribuír, no que está na man da administración local, a reducir a desigualdade entre xéneros en todos os ámbitos e loitar contra as violencias machistas.