Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

A DEPUTACIÓN DA CORUÑA COLABOROU COS SERVIZOS SOCIAIS DO CONCELLO DE CEDEIRA DURANTE O PASADO ANO 2023 CON 81.914,92 PARA A FINANCIACIÓN DO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR (SAF)

A Deputación da Coruña colaborou cos servizos sociais do concello de Cedeira durante o pasado ano 2023 con 81.914,92 € para a financiación do servizo de axuda no fogar (SAF) na modalidade de libre concorrencia e para cubrir gastos do persoal de departamento. Concretamente o importe concedido con cargo ao Programa de Financiación dos Servizos Sociais Comunitarios Municipais, dirixido a concellos con menos de 20000 habitantes foi destinado a sufragar parte dos salarios dunha auxiliar administrativa, dunha educadora familiar e do persoal auxiliar do SAF.

A LIMPEZA DA PRAIA DA MADALENA REMATOU CON SEIS CONTEDORES CHEOS DE LIXO, FUNDAMENTALMENTE PLÁSTICO

Arredor de 40 persoas participaron este domingo na limpeza da praia da Madalena organizada pola asociación de Amigos dos Ríos de Cedeira (ARCE) e o Museo Mares co apoio do Concello. Segundo clarexou Camilo Casal, presidente da primeira destas entidades, durante as tarefas non apareceron pellets pero si moito material, fundamentalmente plásticos, cos que encheron seis contedores de recollida de lixo. Desde o Concello, o alcalde Pablo Diego Moreda Gil agradeceu a iniciativa dos organizadores e a participación de todos os voluntarios, entre os que tamén estivo o equipo do goberno local.

A asociación ARCE iniciou con esta limpeza da praia da Madalena unha actividade que pretende repetir en adiante tres veces cada ano, en primavera, outono e decembro. Dada a situación actual, Camilo Casal quixo apuntar que non é convinte que a xente vaia pola súa conta ás praias a limpar pellets, que realmente poden chegar con calquera marea, senón que é esta unha tarefa para facer de xeito profesional ou cunha formación mínima para non danar os areais no empeño de retiralos.

CEDEIRA OPTA, A TRAVÉS DE VIAQUA, ÁS AXUDAS ESTATAIS PARA PROXECTOS DE DIXITALIZACIÓN DO CICLO DA AUGA

A Xunta de Goberno do Concello de Cedeira vén de aprobar recentemente a participación do Concello na solicitude presentada por Viaqua, a empresa concesionaria dos servizos municipais de abastecemento de auga potable e saneamento, na segunda convocatoria de axudas para proxectos de mellora do ciclo urbano da auga. É unha actuación que se inscribiría no PERTE de Dixitalización do Ciclo da Auga, enmarcado no Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia, que Viaqua acometería tanto en Cedeira como nos municipios das Pontes, Bergondo, Ortigueira e Viveiro. O importe das melloras a realizar no termo de Cedeira ascende a máis de 906.000€ e a subvención estatal, a teor da resolución da primeira convocatoria, pode cubrir ata o 84%.

Dixitalizar o ciclo da auga abrangue actuacións diversas, todas enfocadas a facer unha xestión máis eficiente dun recurso limitado, mellorando con iso a protección do medio ambiente e a loita contra o cambio climático. Entre ditas actuacións están a sensorización en tempo real das captacións, o control dos consumos a través de contadores intelixentes, a redución das perdas de auga, o control en tempo real das depuradoras de augas residuais e dos verquidos, a creación de xemelgos dixitais…

Un dos requisitos da convocatoria é que cada proxecto ten que incluír un ou varios municipios que atendan, como mínimo, a unha poboación non inferior a 20.000 habitantes. Así, Viaqua presentou a finais de decembro o proxecto para cinco municipios. Segundo a información que publicou o Goberno, o prazo de presentación de solicitudes pechouse con 238 proxectos presentados.