Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

DENUNCIAN A INACCIÓN DA XUNTA ANTE A CONTAMINACIÓN DOS BANCOS MARISQUEIROS DA RÍA DE CEDEIRA

Os concellos de Cedeira e de Valdoviño denuncian a inacción e a desatención da Xunta de Galicia ao que consideran unha auténtica “emerxencia biolóxica”: os altos niveis de contaminación detectados nas augas da ría de Cedeira e da praia de Vilarrube. Transcurriron xa máis de 50 días sen resposta desde que os dous gobernos locais solicitaron unha reunión urxente coa delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros, coa intención de abordar o problema e derivalo aos organismos implicados -Pesca, Sanidade, Medio Ambiente, Portos…- polo que urxen unha resposta inmediata que permita estudar a situación.

“Isto non vai de política nin de eleccións”, recordou o alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, “vai de persoas que merecen atención, porque este non é só un desastre medioambiental senón tamén económico, que golpea directamente ás familias que viven do marisqueo nestes bancos. Criticou o rexedor local que as autoridades responsables da materia estean a outras cousas e esixiu “seriedade, traballo e empatía, porque o que estamos a pedir é unha reunión para buscar unha solución”.

Cómpre recordar que foi a mediados de novembro cando os alcaldes de Cedeira e Valdoviño, Pablo Diego Moreda Gil e Alberto González Fernández, xunto con outros concelleiros dos seus gobernos locais, mantiveron unha reunión coas mariscadoras da Confraría de Cedeira na que puxeron de manifesto o alto nivel de contaminación. O parámetro máximo para a presencia de E.coli é de 4.600/100 mgs e se está a detectar unha taxa de preto de 18.000, un nivel elevadísimo e que provoca a cualificación das augas como de tipo C.

Moreda Gil recorda que se trata dunha zona na que tradicionalmente se rexistran excelentes resultados nas analíticas e na que desde hai poucos anos se rexistran picos de contaminacón cuxo foco ou focos urxe atopar. Xa no pasado 2023 os bancos de ameixa e berberecho das enseadas de Pantín e de Esteiro, así como os da praia de Vilarrube, estiveron cualificadas durante varios meses como zonas C.

A ASOCIACIÓN ARCE LEVOU A CABO UNHA LIMPEZA NA CONTORNA DA ERMIDA DE SAN ANTONIO DE CORVEIRO

A asociación ARCE, de Amigos dos Ríos de Cedeira, levou a cabo o pasado sábado unha nova limpeza, desta volta na contorna da ermida de San Antonio de Corveiro. Segundo explicou Camilo Casal, o presidente da entidade, recolléronse moitos vidros e plásticos, fundamentalmente, pero tamén voluminosos como un colchón, restos de uralita ou algún moble, nun punto algo máis afastado da capela que se estaba a empregar como un vertedoiro incontrolado.
A asociación ARCE emprendeu o pasado mes, na praia da Madalena unha campaña de limpezas en diferentes espazos naturais do concello de Cedeira coas que, ademáis de retirar lixo, quere sensibilizar á cidadanía sobre a importancia de coidar o medio ambiente e facer unha correcta xestión dos residuos.

A COMPAÑÍA TALÍA TEATRO VISITA HOXE CEDEIRA COA OBRA “UNHA INIMIGA DO POBO”

A compañía Talía Teatro visita hoxe Cedeira coa obra “Unha inimiga do pobo”, adaptación do texto escrito polo noruegués Henrik Ibsen en 1882 e convertido en todo un clásico da literatura dramática universal. Tito Asorey dirixe a obra, que é unha denuncia daquela política que antepón os beneficios económicos á saúde da poboación ao tempo que propón unha reflexión sobre o uso dos medios de comunicación por parte do poder. A representación, dirixida ao público adulto, será ás 20.00h no Auditorio Municipal. As entradas teñen un prezo de 3,5€ e estarán á venda na billeteira media hora antes.

Na adaptación de Talía Teatro, a “inimiga do pobo” é unha muller, en lugar do home da versión orixinal. A protagonista é unha doctora de gran prestixio que, embarazada de sete meses, decide voltar ao seu pobo natal para emprender unha nova etapa e adicarse a dirixir o balneario que ela mesma deseñou e no que a veciñanza ten postas moitas expectativas. Os problemas xurden cando aparece unha inesperada contaminación nas súas augas, que poden poñer en perigo a saúde da xente.

Talía Teato é unha compañía fundada hai 36 anos, cunha sólida traxectoria e demostrada capacidade de producir e distribuír diferentes propostas escénicas. Xunto ao director Tito Asorey, traballa tamén na dramaturxia deste peza Vanesa Sotelo. Marta Lado, Dani Trillo, María Ordóñez, Toño Casais, Rubén Prieto, Marta Ríos, Diego Rey, Xurxo Barcala e Artur Trillo son os intérpretes.