Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

O CONCELLO DE CEDEIRA SEGUE A AVANZAR NA INSTALACIÓN DA REDE SEPARATIVA DE SANEAMENTO NO CASCO URBANO

O Concello de Cedeira vén de publicar na Plataforma de Contratación do Sector Público o prego de contratación das obras de mellora das rúas Viveiro e Cerdido, un proxecto que conta con financiación do Plan Complementario da Deputación da Coruña e que, como o recentemente publicado para a rúa María Mediadora, vai encamiñado a avanzar na implantación da rede separativa de saneamento no casco urbano. A actuación conta dun orzamento de 41.951,62€ e as empresas interesadas en presentar unha oferta teñen ata o día 5 de febreiro de prazo para facelo.

A rúa Viveiro, paralela a Amor Hermoso, conta actualmente cunha rede unitaria de saneamento. A actuación abrangue toda este vial e tamén parte da transversal Cerdido. As obras consistirán na anulación dos sumideiros existentes e na instalación de 257 metros dunha nova rede de recollida de augas pluviais, á que tamén estarán conectadas as baixantes dos edificios, así como dunha nova rede de residuais con 13 pozos de rexistro e dous colectores. O remate dos traballos incluirá a reposición do firme en todo o ámbito de actuación.

A licitación sae polo sistema aberto simplificado e o prazo de execución, unha vez adxudicada a actuación, será de dous meses.

ESPECTÁCULO MUSICAL E TEATRAL ARREDOR DA FORMA E O SON DA TROMPA PARA O PÚBLICO INFANTIL

O Auditorio Municipal de Cedeira acollerá este sábado, ás 19.00h, o espectáculo musical e teatral “A trompa non só é cousa de elefantes” dirixido aos máis pequenos. A función corre a cargo do cuarteto de trompas Catro Cores, formado por catro mulleres, que van descubrindo sobre o escenario a forma e o son deste instrumento, co que ofrecerán diferentes pezas musicais nun recital pensado para estimular a vista e o oido.

O cuarteto Catro Cores está formado por Aida Lozano, Ana Vergara, a cedeiresa Mónica García Bereijo e Alma Sarasola, catro trompistas con ampla experiencia e que coincidieron tocando nunha orquestra sinfónica. Desde 2014, a súa boa conexión plasmouse neste grupo de cámara, co que levan a música a todo tipo de público.

As entradas estarán á venda por 2,5€ na billeteira, o mesmo sábado, desde media hora antes do comezo do espectáculo. Tamén poden reservarse anticipadamente a través de whatsapp, no número 649 876 614. A obra está incluída na programación da Rede Cultural de Teatros e Auditorios da Agadic.

O CONCELLO DE CEDEIRA ABRE A INSCRICIÓN NO CONCURSO DE DISFRACES E SUBE A 5.590€ A DOTACIÓN DOS PREMIOS

O Concello de Cedeira incrementa este ano sustancialmente a contía dos premios do concurso de Entroido, ata sumar 5.590€ que se repartirán nas categorías de comparsa, grupo, parella ou individual, ás que se engade este ano por primeira vez a de asociación ou centro educativo. A maiores, as modalidades que abranguen a participación de máis de tres persoas poden sumar tamén o de “carroza”, para aqueles que leven un carro, plataforma… algún elemento móbil en relación coa temática do disfraz. A inscrición está aberta ata o vindeiro 8 de febreiro e o desfile será o día 10.

Segundo establecen as bases, que están xa colgadas no taboleiro de anuncios da sede electrónica do Concello, as modalidades de participación no concurso de disfraces son as seguintes:

-Comparsa: para conxuntos cun mínimo de dez persoas, entre os que se repartirán tres premios dotados con 1.200, 1.000 e 800€.

-Grupos: entre 3 e 9 integrantes e tres premios de 600, 400 e 300€.

-Asociacións ou centros educativos: esta categoría existe por primeira vez este ano, para conxuntos con máis de dez compoñentes ligados a unha entidade do municipio. Neste caso haberá un único premio de 300€.

-Parella: nesta categoría fallaranse tres premios de 200, 150 e 100€.

-Individual: haberá tres premios de 100, 80 e 60€.

-Carrozas: esta é unha categoría nova, dotada cun premio de 300€, que pode complementar aos premios das categorías anteriores e que valorará o uso dun carro, ou plataforma ou elemento móbil en relación coa temática do disfrace.

A inscrición deberá facerse cubrindo a solicitude -anexa ás bases- e presentándoa no Rexistro Municipal antes das 14.00h do día 8 de febreiro, actuando unha persoa como representante no caso das participacións colectivas. Os menores que concurran nas categorías de parellas ou individuais tamén deberán contar co permiso do representante legal.

O desfile de disfraces celebrarase o 10 de febreiro. A estación de autobuses será o punto de reunión, ás 17.30h, e desde alí desenvolverase un percorrido polo casco urbano que rematará na praza Roxa, na que os grupos poderán ir facendo os seus bailes ou cantando para obter mellor puntuación. O xurado valorará, no caso das categorías de comparsa, grupos e asociacións, o vestiario, maquillaxe, traballo feito a man, emprego de materiais de refugallo, orixinalidade, uso de carroza ou similares, a coreografía (letras e música empregadas), a simpatía e o número de participantes. En parellas e individuais se terán en conta todas elas agás a carroza e a coreografía, e as carrozas terán unha puntuación aparte, para o fallo do seu premio, segundo o traballo feito a man, o uso de materiais de refugallo, a orixinalidade, o uso que se faga dela no desfile e a súa estrutura.

O fallo do xurado darase a coñecer na verbena que o Concello programará a continuación do desfile na praza Roxa. Desde o goberno local faise un chamamento á participación no desfile de disfraces, unha ocasión para gozar do bo humor e de impulsar unha tradición de sempre.

O desfile de disfraces abrirá o programa de Entroido en Cedeira, con diferentes actividades ata o día 14.

Pódese descargar as bases do concurso na seguinte ligazón:

Descarga PDF Bases concurso entroido 2024