Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

O CONCELLO APROBA CINCO NOVOS CONVENIOS DE COLABORACIÓN CO TECIDO ASOCIATIVO DE CEDEIRA

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar novos convenios de colaboración con varias asociacións de Cedeira para sufragarlles gastos de funcionamento e investimentos que garanten o seu funcionamento. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, destacou o traballo conxunto que o Concello desenvolve con estas entidades e o importante papel que cumpren, cada unha no seu eido, na localidade. Agradeceu expresamente o traballo desinteresado das persoas que forman parte destas asociacións, veciños e veciñas que co seu voluntariado fan posibles moitos eventos e actividades que dinamizan a vida social, cultural ou deportiva na vila.

Concretamente, o goberno deu luz verde aos convenios con Protección Civil, Cruz Vermella e Sobre Rodas, e aprobou tamén o anticipo das subvencións concedidas á asociación Mares e ARCE, que incrementan o seu importe respecto a anos anteriores.

No caso de Protección Civil, o Concello aproba un convenio de colaboración cunha aportación de 18.000€. A axuda contempla 12.000€ para gastos correntes e 6.000€ para investimentos da entidade, adicada á prevención e á autoprotección cidadá. Tamén no ámbito da seguridade, a asemblea local da Cruz Vermella asinará outro convenio por un importe de 3.800€ para o sostemento das súas tarefas de salvemento marítimo, a cobertura de eventos e a formación do Equipo de Resposta Básica de Emerxencias (ERBE).

Xunto con estes convenios, a Xunta de Goberno Local aprobou a nova colaboración coa asociación Sobre Rodas. A administración local aportará 6.000€ para soster as actividades de apoio a persoas con problemas de mobilidade que realiza esta entidade, como son os traslados en vehículos adaptados, o préstamo de material ortopédico e o servizo de fisioterapia.

Tamén ten xa aprobado o goberno de Cedeira os novos convenios de colaboración coa asociación Mares e coa asociación Amigos dos Ríos de Cedeira (ARCE). No primeiro caso, a cuantía é de 20.000 euros, o que significa duplicar a do ano anterior, e no segundo é de 5.500€ fronte aos 4.000€ do pasado 2021. Moreda Gil explicou que en ambos casos xustifícase o incremento pola actividade que realizan as dúas entidades, na atención do Museo Mares e na concienciación e mesmo o coidado da contorna natural. A Xunta de Goberno deu luz verde ao anticipo do 100% destas axudas, coa reserva do 30% en concepto de garantía, para facilitar o desenvolvemento das súas actividades.

 

OBRADOIROS DE SENSIBILIZACIÓN CON ESCOLARES

Alumnado do CEIP Nicolás del Río recibiron información de primeira man na praia de Vilarrube a través de Pilar e Madalena, mariscadoras con gran experiencia. Alí aprenderon como se extraen os bivalvos, como se miden e como se comercializan a través da Confraría de Pescadores de Cedeira.
Tamén sufriron algún percance, pois as botas ás veces fan baleiro no banco marisqueiro e resulta fácil perder o equilibro! Nada que non solucione a roupa seca, o agarimo do grupo e o bo facer das nosas anfitrionas.
Cedeira Mar pretende dignificar e valorizar os distintos oficios do mar. Nesta xornada tivemos visita na praia de Vilarrube de “La Sexta Noticias”, a quen agradecemos o seu especial interese nesta actividade e que emitirán a súa reportaxe.

CEDEIRA SOLICITA A CONSTRUCIÓN DO CENTRO DE DÍA AO ABEIRO DO PLAN DE INVESTIMENTOS DE FEGAMP E XUNTA

O Concello de Cedeira formalizou onte a solicitude para construír o Centro de Día da localidade ao abeiro do plan de investimentos en equipamentos sociais acordado pola Fegamp e o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Segundo explicou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, a localidade cumpre cos criterios para a distribución dos fondos Next Generation que se van canalizar a través deste programa e conta, ademais e debido ao traballo feito nos últimos anos, cun solar e o acordo plenario para a súa cesión á Xunta, así como cun anteproxecto xa feito.

“Cedeira ten unha necesidade real desta prestación, porque os centros de día para persoas dependentes máis próximos están en Ferrol ou en San Sadurniño”, subliñou o alcalde. Moreda Gil recordou que o goberno local ten reclamado á Xunta en diferentes ocasión esta infraestrutura e apuntou que no ano 2019 xa acudiu ao Consorcio coa que era entón a primeira tenente de alcalde, María Xosé Martínez, para achegar 2.300 sinaturas reunidas entre a veciñanza en demanda deste servizo.

O anteproxecto prevé a construción dun edificio con 273,23 metros cadrados útiles, con entrada pola rúa Deporte e con aparcamento reservado en superficie. O centro estará dotado con área de recepción, despachos, salas de rehabilitación, atención controlada, atención sociosanitaria-curas, sala polivalente-comedor, cociña con acceso exterior e baños accesibles, además dos necesarios espazos para almacenaxe.

O proxecto segue os principios da arquitectura bioclimática, polo que o consumo enerxético será mínimo. O deseño do edificio, de planta baixa, prima a accesibilidade e sitúa as zonas de máis actividade no frente principal sobre a vía pública, para que desde fóra se perciba como un espacio vivo, ao tempo que se preserva a intimidade das persoas usuarias cunha envolvente transventilada. O inmoble terá un aspecto moderno e se integrará en liñas xerais coa estación de autobuses.

O Centro de Día de Cedeira ocupará unha parcela municipal situada xunto á Estación de Autobuses, sobre a que o pleno municipal xa adoptou un acordo de cesión á Xunta. Trátase dun solar de 1.575 metros cadrados nunha zona na que está o IES Punta Candieira, o campo de fútbol O Beco, o Centro de Ocio Xuvenil e o Polideportivo Municipal, entre outras cousas. Cumpre, neste sentido, co criterio do plan de financiar novos equipamentos para prestar coidados de larga duración centrados na persoa e na atención en contornas comunitarias. Os maiores que acudan ao centro estarán preto das súas familias.

O anteproxecto prevé un Centro de Día con 25 prazas, aínda que se ofertarán quendas de mañá e de tarde e poderá ser maior o número de persoas atendidas, ben sexan maiores en situación de dependencia ou en grave risco de padecela. O orzamento necesario para a construción do edificio é duns 656.000€ e prevese que o funcionamento do servizo suporá a creación de sete empregos directos.

Coa finalidade de seguir avanzando nos trámites que poidan facer realidade canto antes o Centro de Día, o goberno local vén de contratar o proxecto para o cambio de usos da parcela destinada a acollelo. Actualmente está catalogada como de uso cultural e vai pasar a ser de equipamento sanitario-asistencial.

Moreda Gil recordou que o plan acordado entre a Fegamp e o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar contempla o investimento de preto de 13,8 millóns de euros no presente 2022 e outros 4,6 millóns de euros no 2023, en actuacións de construción, reforma ou ampliación de equipamentos sociais públicos municipais, e que está especialmente orientado a achegar este tipo de servizos a zonas rurais, para favorecer o desenvolvemento sostible e a cohesión social. Para a construción de novos centros de día como o que demanda o Concello de Cedeira, o plan prevé aportacións de 600.000 euros.