Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

“RILLA-RILLA”, UNHA OBRA AO REDOR DA NOSA LINGUA PARA O PÚBLICO FAMILIAR

O público familiar é o destinatario da peza teatral “Rilla-rilla” que a compañía Xarope Tulú vai representar este sábado, ás 19.00horas, no Auditorio Municipal de Cedeira. O espectáculo xira ao redor da nosa lingua e a súa variedade dialectal e pon o foco na idiosincrasia propia do idioma á que poucas veces prestamos atención.

“Rilla-rilla” é unha obra dinámica na que se apañan palabras coma se fosen berberechos, se viaxa polo seseo e os rotacismos e na que o público pasa a ser protagonista desde o primeiro momento. A peza de Xarope Tulú está dirixida e interpretada por Atenea García, fundadora desta compañía comprometida coas linguaxes escénicas dirixidas á infancia e á mocidade.

As entradas terán un prezo de 2,5€.

MOREDA TACHA DE IMPRUDENTES AS AFIRMACIÓNS DE GARCÍA COMESAÑA SOBRE A DEMORA DO CENTRO DE SAÚDE

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, califica de inxustas e imprudentes as afirmacións que fixo hai poucos días no Parlamento Galego o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, quen ao fío dunha intervención sobre o Plan de Infraestruturas do Sergas e ao tempo que vertía críticas a outros concellos, dixo que “non hai noticias” do alcalde de Cedeira para iniciar o proxecto de reforma do Centro de Saúde. “Despois de tantos anos que levamos traballando e con todo o que superamos para chegar ata aquí, podería informarse antes de poñer a escusa de que somos nós os culpables”, considerou.

Moreda Gil recorda que o goberno socialista de Cedeira traballara xa no mandato 2007/2011 pola necesaria ampliación do Centro de Saúde e que froito daquel esforzo houbo un convenio entre o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e a Xunta de Galicia para destinar 2,4 millóns de euros ao proxecto –así se publicou no BOE do 11 de xuño de 2012-. Porén, sinalou o alcalde, daquela a administración autonómica incumpriu o seu compromiso de achegar o 50% do orzamento e a oportunidade desapareceu.

“Desde que chegamos ao goberno en 2015 retomamos o tema, para que a Xunta asuma a súa responsabilidade e dea resposta a unha necesidade real e manifesta”. Recorda o alcalde que o Concello solicitou unha entrevista co conselleiro de Sanidade o 17 de xuño de 2019 e que a reunión non chegou ata un ano, nove meses e un día despois, en total 640 días, o 18 de marzo de 2021. “Parece un pouco atrevido que afirme que está a esperar por nós”, explicou Moreda Gil, remarcando que “o feito de que aínda non puxésemos os terreos a disposición da Xunta non significa que non esteamos traballando”.

Ao fío disto, recordou que xa a finais de 2019 o Concello comprou os locais sindicais do número 7 da rúa Ortigueira, para ter a propiedade da totalidade do edificio e poñelo a disposición da Xunta. A finais de 2021 escriturouse tamén a compra da parcela da Confraría de Pescadores coa mesma finalidade. E desde hai máis dun ano estase a traballar na modificación puntual do PXOM cuxo borrador foi enviado o 26 de abril de 2021 á Consellería de Medio Ambiente para o inicio do proceso de avaliación ambiental. Desde entón o goberno local mantivo diferentes reunións cos organismos e administracións concernidas nesta tramitación. Entre ditas instancias está a Demarcación de Costas. Mantivéronse xa varias reunións co xefe territorial, Rafael Eimil, e formuláronse consultas ao Ministerio ao respecto destes terreos.

“Porque non temos unicamente que poñer os terreos a disposición da Xunta, temos que entregalos coa cualificación urbanística correspondente”, puntualizou o alcalde, que citou tamén entre as últimas reunións de traballo para sacar adiante a modificación puntual do planeamento unha coa directora xeral de Urbanismo da Xunta, Encarnación Rivas. A tramitación da modificación puntual do planeamento conleva todos estes trámites e non é tan sinxelo como no caso do Centro de Día, no que o Concello so ten que entregar o solo.

Moreda subliñou por último que a “preocupación pola Sanidade” á que aludiu no seu discurso ten que ver, tamén, coa reivindicación de condicións laborais para o persoal sanitario, por exemplo. Lembrou que o goberno local de Cedeira estivo xunto aos traballadores e traballadoras do Centro de Saúde cando reclamaban os seus dereitos, así como manifestándose xunto á cidadanía para demandar un pediatra e tamén reclamando que se cubriran as baixas dos facultativos, ao igual que facilitando pantallas, máscaras, luvas e xel hidroalcohólico na pandemia, ou instalando unha carpa para abrigar ás persoas usuarias que tiñan que facer cola ás portas do servizo. “Mentres – dixo-, o PP de Cedeira nunca fixo unha pregunta específica sobre o Centro de Saúde”.

O PLENO DA DEPUTACIÓN APROBOU A OBRA DE MELLORA DA SEGURIDADE VIAL NA CURVA DE TIDE

O pleno da Deputación da Coruña aprobou por unanimidade na sesión deste luns diferentes investimentos para a mellora da seguridade viaria en diferentes estradas provinciais. Entre estas intervencións está a supresión da curva perigosa de Tide, na DP-2206 ao seu paso pola vila de Cedeira.

A Deputación destinará 350.305 euros á mellora puntual do trazado da estrada provincial en Rego de Tide, no concello de Cedeira. Esta zona conta na actualidade cunha curva que impide unha boa visibilidade e que estreita a plataforma da vía, minguando a seguridade dos vehículos que circulan pola estrada, moitos deles autobuses e vehículos pesados camiño de San André de Teixido.

A mellora proxectada eliminará esta curva, ampliará a sección da plataforma e mellorará de forma substancial a visibilidade, incrementando así a seguridade viaria na contorna. O novo trazado implica a construción dun terraplén e dunha obra de drenaxe transversal en marco de formigón armado para dar continuidade a un regato. Para levar a cabo a proposta foi necesaria a expropiación de terreos a tres propietarios, para sumar os 4.949 metros cadrados de máis que vai ocupar a nova variante. Este capítulo representou un investimento doutros 29.323,20€.