Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

O CONCELLO DE CEDEIRA LICITA A MELLORA DE VARIOS VIAIS QUE SUMAN MÁIS DE DOUS QUILÓMETROS DE PERCORRIDO

O Concello de Cedeira acaba de publicar o expediente de licitación do proxecto de “Mellora dos firmes nos lugares de Mundín, As Bieiteiras, Santallamar e Vilacacín e nas rúas C. Ponthus e Cuartel”, que suman en total máis de dous quilómetros de lonxitude. Trátase de seis viais situados nas parroquias de San Xiao de Montoxo, San Fiz de Esteiro e Santa María de Cedeira, cuxo arranxo vaise acometer con cargo ao POS+2023 cun orzamento de 130.338,45€ (IVE incluído).

As obras van afectar a catro camiños e dúas rúas. Dous dos primeiros están na parroquia de San Xiao de Montoxo: son os viais que unen a AC-566 cos núcleos das Bieiteiras e Mundín. O primeiro ten 404 metros de percorrido lineal e un ancho medio de 2,70 metros, mentres que o segundo suma 493 metros e 190 dunha bifurcación, cun ancho medio de tres metros.

O camiño de Santallamar tamén vai ser obxecto destas obras de mellora. É un vial de 415 metros de lonxitude que une o paseo marítimo de Cedeira con dito núcleo de vivendas, na parroquia de San Fiz de Esteiro.

Pertencen a Santa María de Cedeira o resto dos viais nos que se vai intervir. O de Vilacacín, que ten 305 metros de lonxitude, así como as rúas C. Ponthus, nos 225 metros que discorren paralelos ao río Condomiñas, e Cuartel, que percorre uns 65 metros entre a avenida da Area e Zumalacárregui.

En todos os casos os traballos van consistir no perfilado das cunetas e na extensión dunha nova capa de asfalto. En varios dos viais tamén se ampliará a plataforma para garantir un ancho uniforme e algo superior ao actual en todo o percorrido, mellorarase a recollida de pluviais e revisaranse a afección dalgunhas raíces das árbores para que non alteren a estrutura do firme.

Os pregos de condicións están publicados na Plataforma de Contratación do Sector Público. O procedemento é ordinario e segue o sistema aberto simplificado. As empresas interesadas en presentar a súa oferta poderán facelo ata o día 19 de xuño. O prazo de execución será de tres meses.

A RÍA DE CEDEIRA COMEZA NOS SUMIDOIROS

Desde o concello quérese lembrar que, Cedeira conta con canalizacións diferenciadas para a recollida das augas residuais (rede de saneamento) e das augas de escorregamento pluvial (rede de sumidoiros). Deste xeito, a auga procedente da choiva, circula pola rede de pluviais sen recibir ningún tratamento, para acabar desembocando directamente no río e na ría.

Por este motivo, débense evitar xestos nocivos co medio ambiente como verter aos sumidoiros as augas de fregar, ou tirar cabichas e lixo no chan, que acabarán sendo arrastradas aos sumidoiros, producindo taponamentos na rede e efectos negativos sobre a vida mariña e augas de baño das praias.

Recordar tamén, que o Regulamento de servizos municipais de limpeza viaria, recollida e transporte de RSU e punto limpo do concello, inclúe como prohibicións as seguintes accións, que polo tanto, poderán ser sancionables:

  • Reparar, lavar ou limpar vehículos na vía pública
  • Verter calquer clase de auga sucia sobre a calzada, beirarrúa e bordos.
  • Baleirar, verter ou depositar calquera clase de materiais residuais na calzada, beirarrúas, solares sen edificar e á rede de sumidoiros.

Todos e todas podemos contribuír á mellora da calidade das augas, facendo un uso responsable dos sumidoiros.

A XX FESTA DO DEPORTE DE CEDEIRA RECOÑECERÁ TANTO OS LOGROS NAS COMPETICIÓNS COMO OS VALORES DE EQUIPO

Cedeira celebrará este venres a vixésima edición da súa Festa do Deporte, un evento no que este ano se queren subliñar valores como o traballo en equipo, a igualdade e o esforzo por riba das individualidades. Segundo informou o primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Xosé Antón Arribe Rodríguez, o Polideportivo Municipal acollerá a partir das 20.00h a celebración, na que o Concello vai agasallar aos 13 clubes deportivos do municipio e cada un deles, pola súa banda, entregará dous recoñecementos: un para o mellor ou a mellor deportista do ano e outro dirixido a premiar a persoas ou grupos que, ao marxe de medallas, destacan polo espíritu e os valores que infunden no equipo.

O Club Bádminton, o Cedeira S.D., Discalzas, Mergullo Cedeira, o Natación Cedeira, Remo Cedeira, Pádel Cedeira, o Club Ciclista Punta Candieira, a Street Dance, Ximnasia Cedeira, o Club Deportivo IES Punta Candieira, a asociación deportiva Apader e o Kárate Cedeira recibirán cadanseu homenaxe colectivo do Concello. Cada un na súa quenda fará entrega dos seus dous premios.

A festa desenvolverase nas instalacións do Polideportivo Municipal, un dos centros neurálxicos da intensa actividade deportiva de Cedeira, un concello que ten preto dun milleiro de persoas inscritas nas doce escolas municipais, desde natación a patinaxe, e un alto número de clubes e de licencias federativas. Esa realidade farase patente un ano máis na Festa do Deporte, cita que adoita ter unha alta participación e que é a ocasión de homenaxear e recoñecer a rica tradición deportiva da vila, ao tempo de gabar os logros acadados tanto nas competicións como no día a día dos adestramentos.