Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

O CONCELLO DE CEDEIRA LICITA POR MÁIS DE 257.000€ O NOVO PLAN XERAL DE ORDENACIÓN MUNICIPAL

O Concello de Cedeira acaba de publicar na Plataforma de Contrataciones do Sector Público a licitación da redacción do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), o documento que rexerá o desenvolvemento urbanístico futuro do municipio. O alcalde Pablo Diego Moreda Gil destacou que o expediente foi aprobado por unanimidade da corporación no último pleno e instou a todos os grupos políticos e a cidadanía a implicarse neste proceso “no que pretendemos sacar adiante un documento participado e de consenso, para definir o urbanismo do futuro do noso pobo”.

O contrato ten un presuposto de licitación de 257.188,76€ (IVE incluído) e un prazo de catro anos. Porén, o prego de condicións establece que o tempo de execución dos traballos deixarán de correr cando o plan estea pendente das tramitacións nas diferentes administracións estatal, galega e municipal. Trátase dun documento con gran complexidade e que ten que pasar por varias instancias, polo que o prazo suspenderase desde a data de solicitude diante do organismo correspondente ata a resolución de dito trámite.

O actual PXOM do Concello de Cedeira data do ano 1995 e elaborouse no seu momento dacordo coa lexislación de 1992. O novo farase conforme á vixente Lei do Solo Galega (LSG), de 2016, e adaptado á Lei 9/2002 de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia. Cómpre recordar que no ano 2008 a administración local de Cedeira puxera en marcha a redacción dun novo PXOM que non chegou a termo, unha circunstancia á que aludiu Moreda Gil para chamar a sumar esforzos para levar adiante este proceso. O alcalde explicou que a preparación dos pregos de licitación conlevou xa un traballo intenso de Secretaría, Intervención e o persoal técnico do Concello de Cedeira e recordou que foron presentados en Comisión de Urbanismo e explicados polo miudo a todos os grupos políticos antes de someterlos á votación do pleno. “Este é un traballo de todos e todas, moi importante para o futuro de Cedeira”, subliñou.

A participación da cidadanía e as entidades interesadas no PXOM vai estar garantida a través de mesas de participación, unha delas específica de igualdade e outra de xuventude. “Trátase de elaborar unha ordenación do territorio que garanta que imos ter solo dotacional para levar adiante equipamentos como un novo colexio, ou de aportar seguridade aos propietarios de parcelas, para que saiban exactamente que poden construír, tamén de garantir máis zonas verdes e de lecer, os servizos públicos na zona rural, a mellora da mobilidade urbana, a creación de máis zonas de aparcamento e unha mellor protección do noso patrimonio, entre outras cousas”, apuntou Moreda.

A redacción do novo PXOM de Cedeira levará aparellada a realización dunha cartografía do territorio segundo o modelo de datos SIX. Como é preceptivo tamén neste tipo de traballos, o novo plan conleva un estudo ambiental estratéxico. O documento definirá os usos do territorio, desde o solo industrial ao edificable, as zonas verdes, para equipamentos, etc.

O plazo de presentación de ofertas para a redacción do PXOM de Cedeira está aberto, a través da Plataforma de Contratación do Sector Público, ata o vindeiro 13 de marzo. A licitación sae polo procedemento aberto.

O CONCELLO DE CEDEIRA PROXECTA A RENOVACIÓN INTEGRAL E A AMPLIACIÓN DO PARQUE INFANTIL DE FLOREAL

O goberno local de Cedeira vai solicitar unha subvención da Xunta de Galicia, ao abeiro do programa destinado a concellos para infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, para acometer unha ampliación e reforma integral do parque infantil de Floreal. O proxecto, orzamentado en 77.920€ (IVE incluído), servirá para renovar un dos espazos máis concurridos do casco urbano da localidade e para sumar novos e mellores equipamentos de xogo para as crianzas.

O parque infantil actual ocupa 124 metros cadrados. O espazo ampliarase ata os 201 metros cadrados, nos que se ubicarán dúas randeeiras, dous balancíns, unha estrutura de xogo que simulará un barco -coa proa e a popa unidos por unha escada e plataformas a varias alturas e con accesos diferentes- e outra estrutura que simulará a torre de vixiancia dun barco pirata.

Recentemente fora substituido o cerramento de madeira do parque por outro metálico, máis seguro, que será retirado, acopiado e colocado de novo. Aproveitaranse tamén as papeleiras e bancos actuáis, que volverán colocarse despois do levantamento do chan e a colocación dunha nova soleira e un renovado pavimento de caucho. Demolerase a balaustrada de formigón que está actualmente próxima ao parque.

Desde o goberno local informan que durante o presente mandato se revisarán os parques infantís do municipio para arranxar a poñer ao día aqueles elementos que estean deteriorados e garantir que cumpren coas condicións de accesibilidade.

CHEGA A CEDEIRA “CINEMA MARABILLAS”, UN ESPECTÁCULO POLO QUE TRANSITAN OS CLÁSICOS DA LITERATURA INFANTIL

A actriz Raquel Queizás leva este sábado a Cedeira o seu espectáculo “Cinema Marabillas”, unha función pola que pululan os grandes clásicos da literatura e o cine infantil e xuvenil como Alicia no País das Marabillas, Peter Pan, Polgariño, O Mago de Oz… para amosar ao público familiar que todas esas historias que coñecen poden contarse de maneras diferentes. A representación será ás 19.00h e as entradas estarán á venda na billeteira, desde media hora antes, a 2,5€.

Raquel Queizás defínese como actriz, monicrequeira, filóloga e, fundamentalmente, contadora de historias. A súa mestría na narración oral levouna a participar en campañas de animación á lectura, un obxectivo que está moi presente neste espectáculo, cuxo lema é “vide a descubrir a amizade entre o cine e a literatura infantil e xuvenil”. A obra está recomendada para nenos e nenas a partir de cinco anos e público familiar.

Por outra banda, o Museo Mares acolle hoxe xoves, día 22 de febreiro, ás 19.00h, unha charla de Camilo Casal sobre “Os océanos e a súa invasión polos plásticos”.