Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA PROXECTA A RENOVACIÓN INTEGRAL E A AMPLIACIÓN DO PARQUE INFANTIL DE FLOREAL

O goberno local de Cedeira vai solicitar unha subvención da Xunta de Galicia, ao abeiro do programa destinado a concellos para infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, para acometer unha ampliación e reforma integral do parque infantil de Floreal. O proxecto, orzamentado en 77.920€ (IVE incluído), servirá para renovar un dos espazos máis concurridos do casco urbano da localidade e para sumar novos e mellores equipamentos de xogo para as crianzas.

O parque infantil actual ocupa 124 metros cadrados. O espazo ampliarase ata os 201 metros cadrados, nos que se ubicarán dúas randeeiras, dous balancíns, unha estrutura de xogo que simulará un barco -coa proa e a popa unidos por unha escada e plataformas a varias alturas e con accesos diferentes- e outra estrutura que simulará a torre de vixiancia dun barco pirata.

Recentemente fora substituido o cerramento de madeira do parque por outro metálico, máis seguro, que será retirado, acopiado e colocado de novo. Aproveitaranse tamén as papeleiras e bancos actuáis, que volverán colocarse despois do levantamento do chan e a colocación dunha nova soleira e un renovado pavimento de caucho. Demolerase a balaustrada de formigón que está actualmente próxima ao parque.

Desde o goberno local informan que durante o presente mandato se revisarán os parques infantís do municipio para arranxar a poñer ao día aqueles elementos que estean deteriorados e garantir que cumpren coas condicións de accesibilidade.