Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CHEGA A CEDEIRA “CINEMA MARABILLAS”, UN ESPECTÁCULO POLO QUE TRANSITAN OS CLÁSICOS DA LITERATURA INFANTIL

A actriz Raquel Queizás leva este sábado a Cedeira o seu espectáculo “Cinema Marabillas”, unha función pola que pululan os grandes clásicos da literatura e o cine infantil e xuvenil como Alicia no País das Marabillas, Peter Pan, Polgariño, O Mago de Oz… para amosar ao público familiar que todas esas historias que coñecen poden contarse de maneras diferentes. A representación será ás 19.00h e as entradas estarán á venda na billeteira, desde media hora antes, a 2,5€.

Raquel Queizás defínese como actriz, monicrequeira, filóloga e, fundamentalmente, contadora de historias. A súa mestría na narración oral levouna a participar en campañas de animación á lectura, un obxectivo que está moi presente neste espectáculo, cuxo lema é “vide a descubrir a amizade entre o cine e a literatura infantil e xuvenil”. A obra está recomendada para nenos e nenas a partir de cinco anos e público familiar.

Por outra banda, o Museo Mares acolle hoxe xoves, día 22 de febreiro, ás 19.00h, unha charla de Camilo Casal sobre “Os océanos e a súa invasión polos plásticos”.