Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MOCIDADE

O programa “Cantos e contos ao solpor” arranca este sábado con teatro ao pé da laranxeira do Concello

O PROGRAMA “CANTOS E CONTOS AO SOLPOR” ARRANCA ESTE SÁBADO CON TEATRO AO PÉ DA LARANXEIRA DO CONCELLO

Este sábado arrinca na vila unha nova edición do programa “Cantos e Contos ao Solpor”, unha iniciativa do goberno de Cedeira para pasar do verán ao outono da man do teatro, a música e historias populares.

Esta primeira convocatoria correrá a cargo da compañía Rilo&Penadique, que porá en escena a obra “O pazo das señoras”, un espectáculo no que se relatan historias sorprendentes protagonizadas por mulleres e contadas coa incrible capacidade de narrar de Vero Rilo e a sutileza musical de Sonsoles Penadique. É un espectáculo de monicreques e contos de 50 minutos de duración e dirixido a un público familiar.

A programación de “Contos e Cantos ao Solpor” terá continuidade o sábado día 21 de setembro co espectáculo “Maquinarias teatro e Roger de Flor”, un concerto acústico con cancións cantadas e outras tan só recitadas do compositor e Premio Nobel de Literatura Bob Dylan.

A laranxeira que está ao pé do Concello volve ser un ano máis a referencia para as persoas que queiran asistir a unhas citas culturais gratuítas e que comezan ás oito da tarde.

Cedeira informa da convocatoria de cursos Celga e de linguaxe administrativa na EOI de Ferrol

CEDEIRA INFORMA DA CONVOCATORIA DE CURSOS CELGA E DE LINGUAXE ADMINISTRATIVA NA EOI DE FERROL

O Concello de Cedeira informa da apertura do prazo de matrícula para asistir a cursos de linguaxe administrativa e preparatorios para os certificados de galego (Celga 3 e Celga 4) que, entre os meses de outubro do 2019 e maio do 2020, se impartirán na Escola de Idiomas de Ferrol. A participación é gratuíta e a formación tanto pode ser presencial como en liña.

No caso do Celga 3, as clases comezarán no mes de outubro e rematarán en xaneiro e serán os martes, xoves e venres en horario de 11.00 a 12.30 horas.

Pola súa banda, o Celga 4 dará comezo en febreiro e finalizará no mes de maio e o programa académico impartiranse os martes, xoves e venres no mesmo horario que o anterior.

As persoas interesadas deberán cubrir o formulario de inscrición telemática na seguinte ligazón:

IR Á LIGAZÓN formulario de inscrición telemática cursos Celga

As solicitudes cubertas adecuadamente entenderanse presentadas na secretaría da escola oficial de idiomas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

Os prazos para apuntarse son: do 3 ao 11 de setembro, para os cursos do primeiro cuadrimestre (outubro-xaneiro), e do 30 de decembro de 2019 ao 10 de xaneiro de 2020, para o segundo (febreiro-maio).

A obtención do número para a adxudicación das prazas nos cursos do primeiro cuadrimestre realizarase en acto público o día 13 de setembro, ás 13.00 horas, na Escola Oficial de Idiomas de Lugo e, a partir do día seguinte, tamén se poderá consultar na aplicación web. As datas para a adxudicación das prazas nos cursos do segundo cuadrimestre serán o 14 de xaneiro na Escola Oficial de Idiomas da Coruña e o 15 dese mesmo mes na web.

Unha vez rematado o proceso de asignación de prazas, o alumnado seleccionado deberá presentar na secretaria da Escola Oficial de Idiomas de Ferrol a documentación que se especifica nas epígrafes sétima e décimo primeira da convocatoria.

O prazo para a presentación desta documentación será ata o día 18 de setembro de 2019 para os cursos do primeiro cuadrimestre e ata o 17 de xaneiro de 2020 para os do segundo.

A duración do programa académico será dun total de 60 horas e os cursos terán un número mínimo de 15 participantes e un máximo de 25.

A convocatoria pódese consultar na seguinte ligazón:

IR Á LIGAZÓN Convocatoria Celga

Cedeira acollerá os días 7 e 8 o torneo de fútbol-8, que este ano chega á súa edición número 13

CEDEIRA ACOLLERÁ OS DÍAS 7 E 8 O TORNEO DE FÚTBOL-8, QUE ESTE ANO CHEGA Á SÚA EDICIÓN NÚMERO 13

O Cedeira SD organiza para a próxima fin de semana a edición número trece do trofeo de fútbol 8, que reunirá a 550 deportistas e para a que organización conta coa colaboración do Concello local.

Un total de corenta equipos, a súa maioría procedentes da comarca, tomarán parte nunha competición que terá como escenario o campo municipal do Beco e que se desenvolverá en horario de mañá e tarde, de 10.00 a 19.30 horas.

A primeira das xornadas, día 7, está reservada á participación dos equipos de prebenxamíns e benxamíns, mentres que na do domingo xogarán os alevíns e infantís. As finais disputaranse ás 18.30 horas, tanto o sábado como o domingo. Un ano máis a organización garante o avituallamento dos deportistas e das súas familias coa venda de racións de churrasco e bocadillos nunha carpa que se habilitará a tal efecto e que estará situada a carón do recinto deportivo.

O presidente do Cedeira SD, David Abella Bouza, invita aos afeccionados ao fútbol de toda a comarca a acercarse á vila de Cedeira para seguir de cerca o campionato, do que destaca o bo ambiente que existe durante a súa celebración e a posibilidade de desfrutar do fútbol da man das novas promesas.